A Xunta investirá 146 M€ na modernización do sector e o destino turístico e na consolidación da sostibilidade integral
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, compareceu hoxe no Parlamento para expoñer as contas e liñas de actuación do seu departamento en 2025, que, como dixo, ascenden a máis de 146M€. É un investimento que supera en 1,3M€ ao do ano anterior para reforzar a planificación e xestión do destino con novas ferramentas, modernizar e dixitalizar o sector, renovar e diversificar territorialmente a oferta e, consolidar, en definitiva, unha sostibilidade turística integral na que o Goberno autonómico leva anos traballando.
Xosé Merelles salientou que este incremento nos orzamentos é mostra do “fondo compromiso do Goberno galego pola actividade turística como un elemento clave da nosa economía”, subliñou. “Son uns orzamentos que nos permitirán consolidarnos como destino turístico planificado, que posibilitará que sigamos desconcentrando a actividade e distribución racionalizada e territorial dos seus beneficios, afondar na conciliación coa actividade común das galegas e galegos e dar resposta aos novos retos fixados na nosa Estratexia de Turismo de Galicia 2030”, engadiu.
O director de Turismo de Galicia detallou polo miúdo os orzamentos adiantando algunhas das principais medidas que se porán en marcha durante o vindeiro ano. “Tras os excelentes datos turísticos deste 2024 cun crecemento do 2% en viaxeiros e do 7% en rendibilidade, as novas contas permitirannos consolidar a planificación e xestión de fluxos turísticos, a desestacionalización, diversificación con novas accións”, indicou.
Neste sentido referiuse á posta en marcha de novas ferramentas como o Observatorio de Sostibilidade Turística, que se vai adxudicar este mes e que permitirá actualizar as metodoloxías estatísticas e monitorizar a evolución dos destinos galegos a través dun sistema estatístico de observación integral. Tamén se analizarán novos destinos onde implantar sistemas piloto de regulación de fluxos, instalaranse novos sensores nas rutas xacobeas para monitorizar a chegada de peregrinos e se porá a disposición un cadro de mando estatísticos coas principais operacións estatísticas de datos actualizadas, entre outras ferramentas.
“Damos continuidade a todo este traballo de planificación que levamos a cabo para dar resposta á evolución mundial da actividade turística, anticipar tendencias e mellorar na toma de decisións estratéxicas así como avanzar tamén na sostibilidade en todas as súas vertentes, desde a ambiental ata a económica e social para atallar posibles situación adversas”, engadiu.
Xosé Merelles salientou tamén a importancia que os orzamentos darán á renovación da oferta turística, ou novos plans como o que permitirá reposicionar Galicia como destino termal. “A intención é seguir posicionando a Comunidade galega como un destino de calidade no eido termal e reforzar o termalismo para a desestacionalización do destino”, indicou. Como adiantou, entre as medidas incluirase o seguimento da execución dos sete Plans de Sostibilidade Turística incluidos no Plan Territorial de Sostibilidade Turística de Vilas Termais e Cascos Históricos, a posta en marcha dunha nova liña de axudas de 8M€ que permitirá renovar as Infraestruturas termais galegas e crear novas, así como un reforzo da promoción como destino termal, entre outras. “Serán medidas que permitan o intercambio de información e posta en marcha de iniciativas conxuntas ao redor do termalismo, promover as boas prácticas que establezan estándares de calidade claros e específicos, mesmo a posta en marcha dun observatorio termal, como ferramenta de investigación turística e de orientación profesional”, indicou.
2M€ para ampliar capacidade aloxativa
Os orzamentos permitirán tamén seguir apoiando a modernización e innovación do sector apostando pola dixitalización e mellora das súas infraestruturas. Neste sentido avanzou algunhas medidas como novas axudas que permitirán impulsar proxectos tractores para a creación de establecementos turísticos e realizar grandes obras de reforma cun investimento de máis de 2M€, ou outras por 500.000 euros para impulsar a dixitalización das axencias de viaxe. Manterase o apoio aos concellos máis pequenos, con 2M€ para que melloren as súas infraestructuras turísticas e incrementatase o apoio ás empresas do sector para mellorar os seus equipamentos, cunha liña de axudas de 4M€, entre outras accións.
“O sector turístico ten ao redor de 130.000 persoas ocupadas en Galicia nas distintas ramas, e traballaremos tamén para reforzar a súa formación e dar calidade ao destino aproveitando o papel do Centro Superior de Hostelería de Galicia que se está a posicionar cada vez máis como referente da formación do sector turístico”, explicou.
Neste sentido, referiuse ao Plan de formación en competencias dixitais de 2,5M€ que se porá en marcha o vindeiro ano para informatización e alfabetización de datos, comunicación e colaboración, creacións de contidos dixitais, seguridade e resolución de problemas, entre outros.
Os orzamentos para Turismo de 2025 tamén permitirán reforzar a xestión turística, ampliando a actividade inspectora nas distintas tipoloxías, con máis persoal, para garantir a boa experiencia de residentes e visitantes, así como para seguir contando cunha actividade turística de calidade, incluíndo a revisión do marco normativo en sectores como o turismo activo.
Destino máis internacional
No relativo á promoción turística, Xosé Merelles recordou que se reforzarán as estratexias de internacionalización e a promoción exterior a través do valor intanxible que ofrece Galicia Calidade, que estará máis integrada e aliñada na estratexia turística. Avanzou a participación de Galicia na Expo 2025 de Osaka, as exposicións do Camiño de Santiago en México, a actividade dedicada á ruta xacobea no Instituto Cervantes de Shanghái e as Semanas do Camiño en Brasil e Arxentina. Ademais, Galicia como destino turístico terá unha importante presencia nos principais mercados emisores internacionais, con especial incidencia nalgúns como EEUU.
No eido do fenómeno xacobeo, nun contexto de crecemento constante e sostido do número de peregrinos, na que a recollida de Compostelas está a medrar a un ritmo do 12% e o número de peregrinos supera xa ao total dos que viñeron en todo 2023, os orzamentos de 2025 afondarán en seguir mellorando a experiencia e os servizos que se ofrecen na ruta xacobea e seguir diversificando e desconcentrando a chegada do peregrinos impulsando todos os itinerarios.
Neste sentido, en 2025 comezarase co plan de fomento da mobilidade segura no que creamos sendas para separar con claridade vehículos de peregrinos nos tramos nos que coincida o Camiño cunha estrada moi concorrida. Tamén se ampliará a capacidade de acollida nalgúns itinerarios xacobeos como o novo albergue de Dozón na Vía da Prata e xurdirán proxectos ao redor da accesibilidade e benestar e saúde mental na ruta xacobea. Ademais, continuarase a avanzar na planificación do Xacobeo 2027 “e seguiremos insistindo ao Goberno de España para que nos permita seguir avanzando cara o Xacobeo 27 e aprobe os orzamentos nos que inclúa o programa de exencións fiscais que estaría vixente do 1 de xaneiro de 2025 ao 31 de decembro de 2027”, indicou.