publicidade hoxe

Inician os trámites para constituír e regular o Foro do Litoral como máximo órgano de consulta e participación para a ordenación costeira de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A Xunta inicia os trámites necesarios para constituír e regular o futuro Foro do Litoral de Galicia, un instrumento de nova creación, chamado a actuar como máximo órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento en materia de ordenación da franxa costeira na Comunidade.

A tales efectos, o decreto polo que se regulará a composición e funcionamento interno do futuro órgano someterase a partir de mañá e durante o prazo dun mes a unha consulta pública previa co obxectivo de recompilar suxestións e ideas sobre a mellor forma de organizalo antes de iniciar a redacción do documento.

A creación do Foro do Litoral prevese na Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga), aprobada en xullo de 2023 e cuxo desenvolvemento estivo meses parado polo recurso do Goberno central. Así e unha vez recibido o aval do Constitucional a través dunha sentenza emitida o pasado abril, o obxectivo da Xunta é impulsar todos aqueles instrumentos e medidas que contribúan ao seu desenvolvemento práctico e a que poida asumir a xestión da súa costa o antes posible, de forma práctica e directa.

Como primeiro paso, o 9 de outubro constituíuse a Comisión interdepartamental de coordinación do litoral que será, a partir de agora, a encargada de supervisar a elaboración, aplicación e seguimento dos diferentes instrumentos de ordenación nos que se apoia a lei para garantir o cumprimento do seu principal obxectivo: xestionar de forma integrada e en clave galega as actividades humanas no litoral para garantir o aproveitamento sostible dos seus recursos e a conservación dos ecosistemas costeiros.

Precisamente, o impulso do Foro do Litoral foi a primeira encomenda que recibiu esta comisión, que acordou así mesmo empezar a elaborar as Directrices de ordenación do litoral como marco xeral de referencia para a elaboración dos restantes instrumentos.

O obxectivo é construír un espazo participativo e de consulta no que estean presentes, xunto á Administración autonómica, as universidades galegas, organismos científicos, organizacións representativas dos principais sectores produtivos galegos, entidades ambientais e aquelas cuxo obxectivo sexa a defensa e protección do patrimonio cultural.

Con tal fin, as entidades que integren o Foro do Litoral deberán velar polo cumprimento dos principios xerais de xestión integrada da costa que inspiran a Loxilga e, ademais, garantir a participación suficiente e eficaz dos sectores socioeconómicos nas estratexias procedementos e proxectos relacionados coa ordenación costeira. Para conseguilo, é clave establecer unha organización administrativa do litoral que garanta a súa xestión integrada a través de técnicas adecuadas e efectivas de coordinación, colaboración, cooperación e participación, de aí o importante papel que se lle reserva a este órgano.

De feito, un dos elementos diferenciais da norma autonómica é que nela se establece que o deseño, a aprobación e a xestión dos instrumentos de ordenación do litoral, así como a toma de decisións sobre os usos e actividades que acolla este territorio, se basearán no enfoque ecosistémico e na xestión integrada, respectando os principios de desenvolvemento sustentable, prevención, participación e uso das mellores e máis recentes evidencias científicas dispoñibles así como dos coñecementos tradicionais.

Pioneira en regular a costa en toda a súa extensión
Coa aprobación da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral, Galicia converteuse na primeira comunidade española en regular a través dunha normativa propia e integral a franxa costeira en toda a súa extensión, é dicir, tanto mar dentro como terra dentro. De feito, a través dela a Xunta xestionará 1.600.000 hectáreas terrestres e marítimas.

Partindo da consideración da costa desde unha perspectiva social, ambiental e económica, a lei establece tres grandes áreas diferenciadas en función do seu estado de conservación e necesidades particulares, ao tempo que concreta os usos permitidos e prohibidos no litoral. A norma delimita así mesmo as actuacións e usos estratéxicos que permitirán a ocupación e asentamento da costa a través das autorizacións pertinentes.

En definitiva, con ela dáse un paso decisivo para que Galicia poida asumir as competencias plenas e efectivas que lle atribúe o Estatuto sobre a ordenación e a xestión do litoral, un proceso iniciado hai case 40 anos e pendente agora de impulsar o procedemento efectivo para o traspaso das funcións, servizos e medios materiais e persoais dos que actualmente dispón o Goberno central para xestionar a costa galega.

21 de outubro de 2024 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.