Galicia e Portugal colaboran no impulso de proxectos pioneiros de produción de radiofármacos de diagnóstico e tratamento de alta precisión

Galicia e Portugal están a colaborar no impulso de proxectos pioneiros de produción de radiofármacos de diagnóstico e tratamento de alta precisión.

Así o destacou hoxe o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño na inauguración, no CIMUS da Universidade de Santiago de Compostela, do segundo Workshop da Rede de colaboración Gallaecia-PET, no que estivo acompañado polo reitor da USC, Antonio López; polo subdirector do CIMUS, Luis Labandeira; e pola directora do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS), Luz Couce.

O titular da carteira sanitaria remarcou que este encontro abordará os avances da rede de cooperación estratéxica en materia de investigación e tecnoloxía establecida entre Galicia e Portugal, na que participan 11 entidades, cinco portuguesas e seis galegas, e que naceu con vocación dun longo percorrido grazas ás achegas dos socios, entre eles empresas e centros de investigación.

A xuntanza de hoxe vai servir, remarcou o conselleiro, para abordar os desafíos e cuestións estratéxicas a afrontar no que atinxe a tecnoloxías sanitarias, puntal clave da estratexia de saúde galega, que cada día ten un maior impacto na calidade asistencial.

Enfermidades oncolóxicas

Tal e como sinalou o titular da carteira sanitaria da Xunta, o obxectivo deste encontro é sentar as bases do futuro da medicina preditiva e de precisión, baseadas en técnicas PET non invasivas que, mediante a identificación de cambios a nivel celular, permitan a anticipación ao diagnóstico e optimicen o seguimento de enfermidades oncolóxicas, neuronais ou de orixe cardiovascular.

Tamén servirá para poñer en valor os logros conseguidos no desenvolvemento tecnolóxico, tanto en equipamento de imaxe de alta resolución, como en técnicas de intelixencia artificial.

Ao respecto, o conselleiro citou como exemplos, o desenvolvemento dun escáner de alta resolución para PET cerebral, os avances en diagnóstico precoz e tratamento de tumores ou os proxectos de imaxe de inmuno-PET con anticorpos en enfermidades inflamatorias.

Xunto ao anterior permitirá, a produción de novos radiofármacos desde a unidade PET da Xunta e posibilitará a súa chegada ao uso clínico, un fito na estratexia galega de medicina de precisión.

Galicia referente na loita contra o cancro

Na súa intervención no acto, o conselleiro remarcou a aposta de Galicia pola produción propia de radiofármacos PET e outras terapias avanzadas como son os CAR-T, e puxo en valor o desenvolvemento do Centro de Produción de Terapias Avanzadas de Galicia e o carácter punteiro da nosa comunidade na produción de novos radiofármacos a través do Centro de Produción de Radiofármacos PET, xestionado pola Xunta.

Todo estas iniciativas, concluíu o conselleiro, sitúan a Galicia como referente na loita contra o cancro, con tratamentos e diagnósticos cada vez máis precisos.

7 de outubro de 2024 | 21:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.