publicidade hoxe

A Xunta destaca en Bruxelas as políticas a prol do emprendemento e o emprego coas que Galicia se erixiu como rexión emprendedora europea 2025

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, puxo en valor as políticas de emprendemento e apoio ao emprego impulsadas pola Xunta no marco da Semana Europea das Rexións e das Cidades, o maior evento anual de índole rexional celebrado no ámbito comunitario. Concretamente, o secretario xeral participou no seminario Como potenciar o talento rexional: fomento das capacidades, recursos e identidade cultural locais para o desenvolvemento sustentable, onde tivo a oportunidade de debullar a estratexia que levou a Galicia a ser merecedora recentemente do galardón a Rexión Emprendedora Europea 2025.

Durante a súa intervención neste panel de debate -cuxo obxectivo é compartir historias de éxito e boas prácticas de diversas rexións- Pablo Fernández sinalou os resultados da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, unha iniciativa autonómica posta en marcha en 2022 que presta apoio e asesoramento gratuíto a calquera persoa que queira poñer en marcha un proxecto en Galicia. Neste senso, incidiu en que xa conta con 14 centros activos por toda a xeografía galega -coa previsión de chegar a 15 proximamente- e que a día de hoxe atendeu máis de 2.500 proxectos e realizou 6.900 titorías, reforzando así o seu importante rol como dinamizador e vertebrador do territorio.

O secretario xeral tamén resaltou que a Xunta avanza na súa aposta pola creación de comunidades rurais de emprendemento e a atracción de nómades dixitais a través dun proxecto piloto en colaboración coa Asociación Cultural Sende. A iniciativa desenvólvese en tres centros -Sende, situado no concello ourensán de Lobeira, Anceu, en Ponte Caldelas (Pontevedra) e iSlow, en Laxe (A Coruña)- -e nel participan actualmente 60 persoas de áreas multidisciplinares.

Así mesmo, Fernández destacou que a Xunta segue reforzando o tecido emprendedor a través, por exemplo, das recentes xornadas realizadas no marco do programa Ultreia, que veñen de celebrarse en colaboración coas confederacións de empresarios de cada unha provincias. O obxectivo destes encontros é incentivar aos emprendedores a impulsar a súa actividade creando sinerxías e identificando retos para atopar solucións conxuntas para o territorio galego co apoio da innovación e tamén contribuír xerar emprego e fixar poboación. Agora, explicou, culminarán nun evento gran final a nivel galego para contribuír a que unha ducia de empresas emerxentes consigan o financiamento que precisan para acadar o éxito.

Finalmente, referiuse á Rede Eusumo, unha iniciativa de colaboración impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento e o desenvolvemento da economía social, con accións formativas ou de asesoramento. Cómpre engadir a recente apertura na Coruña do novo Centro de Orientación ao Emprendemento, cuxo obxectivo será coordinar todas as actividades relacionadas coa orientación laboral, o emprendemento e a innovación para o emprego na Comunidade, dando así un novo paso na consolidación de Galicia como unha terra de oportunidades.

Semana Europea das Rexións

A Semana Europea das Rexións -que arrancou onte e remata o vindeiro 10 de outubro- celebra este ano a súa vixésimo segunda edición baixo o lema Empoderando Comunidades.

A presente edición contempla máis de 100 sesións temáticas centradas no crecemento intelixente e sustentable, a democracia e o talento rexional, reunindo a axentes políticos, profesionais, persoal académico e representantes do tecido empresarial, entre outros, para discutir solucións, facilitar a cooperación, a aprendizaxe e o intercambio de boas prácticas na política de cohesión da Unión Europea.

8 de outubro de 2024 | 11:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.