publicidade hoxe

A Xunta consolida o Programa de detección precoz do cancro de mama ao constatar o seu impacto na redución das taxas de mortalidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O Consello da Xunta de hoxe abordou un informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade relativo á supervivencia ao cancro de mama en Galicia. Deste documento despréndese unha importante redución das taxas de mortalidade no período en que leva implantado o Programa galego de detección precoz do cancro de mama, posto en marcha pola Xunta no ano 1992.

Tal e como se detalla no informe, o departamento sanitario galego realizou dous estudos para analizar as características, supervivencia e evolución das mulleres con cancro de mama en Galicia.

A Consellería de Sanidade estudou, por unha banda, a supervivencia nas mulleres diagnosticadas a través do Programa galego de detección precoz do cancro de mama durante o período 1993-2020.

Sanidade tamén estudou, a partir dos datos do Rexistro Galego de Tumores (Regat), a supervivencia a cinco anos de todas as mulleres diagnosticadas en 2015 e 2016, tanto a través do programa de prevención como fóra del, para, deste modo, complementar o estudo anterior e potenciar o valor deste rexistro como ferramenta na vixilancia do cancro.

Datos da supervivencia

Do estudo da supervivencia nas mulleres diagnosticadas no programa de detección precoz entre 1993 e 2020 despréndese que esta porcentaxe se sitúa por riba do 80% aos 25 anos desde o diagnóstico, e que mellorou ao longo do tempo.

Aos cinco anos sobreviven o 95,3% das mulleres e, se o cancro de mama fose a única causa de morte posible, estarían vivas o 97% delas.

Cómpre remarcar a importante redución observada das taxas de mortalidade nas décadas que leva implantado o Programa de detección precoz da Xunta (1992). En concreto, a probabilidade de morrer por cancro de mama foise reducindo paulatinamente, desde un 5,7% no primeiro período do estudo (1993-2007), ata o 1,8% no último (2008-2020).

Ademais, o 92% dos casos foron diagnosticados en estadío 1 (62%) ou 2 (30%). Ao respecto, a supervivencia para as mulleres en estadío 1 e do 99,6% e do 62% para as de estadío 4. A supervivencia no caso de afectación ganglionar é do 87% aos 10 anos, e do 97% nas mulleres sen ganglios afectados.

A mellora da supervivencia desde a implantación do programa de prevención da Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta débese ao aumento dos tumores diagnosticados en estadio 1 (o cal forma parte dos obxectivos específicos do mesmo) e ás melloras terapéuticas implantadas desde o inicio do período estudado.

Datos do Rexistro Galego de Tumores

Dos datos recollidos do Rexistro Galego de Tumores durante 2015 e 2016 despréndese que o 53% dos cancros se detectaron por medio do programa de detección precoz; o 20% foron cancro de intervalo, é dicir, detectado despois dunha exploración negativa realizada polo programa e antes da seguinte exploración; e o 27% diagnosticáronse á marxe do Programa.

A supervivencia ao cancro de mama do total de mulleres estudadas foi do 93% aos cinco anos do diagnóstico. As mulleres diagnosticadas polo programa da Xunta presentaron mellores resultados de supervivencia aos cinco anos (97,8%) que as diagnosticadas con cancro de intervalo ou á marxe do Programa (88,6% conxuntamente).

Os tres grupos de mulleres comparadas presentaron un perfil diferente en canto á idade e características tumorais. As ditas diferenzas xustificaron a mellor supervivencia nas mulleres cribadas no programa, xa que presentaron estadíos menos avanzados e cancros menos agresivos.

Eficacia do programa e do Regat

Os datos recollidos no informe abordado na reunión semanal do Goberno galego avalan a eficacia do programa de detección precoz da Xunta, que está ben asentado, estruturado e monitorizado ao longo de todos os seus procesos, así como amplamente recoñecido pola poboación galega, xa que conta cunha ampla participación que supera o 80%.

Estes bos resultados tamén avalan a eficacia do Rexistro galego de tumores, altamente automatizado, e que recolle información individual exhaustiva de todos os tumores que inciden na poboación galega.

Xunto ao anterior, os datos demostran o esforzo e coordinación dos profesionais da sanidade pública galega dedicados ao programa e ao rexistro de tumores, que inclúe 24 unidades de exploración mamográfica, tres unidades de avaliación radiolóxica e 14 unidades de diagnóstico e tratamento integradas nos hospitais do Sergas onde se realiza a valoración clínica adicional, ademais dunha unidade de rexistro de tumores.

A Xunta seguirá a traballar nos seus programas de detección precoz do cancro (mama, pulmón, cérvix, colorrectal, próstata), dado que se evidencia a súa repercusión na mellora da saúde da cidadanía galega. Tamén seguirá a mellorar o rexistro de tumores, onde xa se está a traballar na incorporación de novas fontes de información ou novas tecnoloxías.

21 de outubro de 2024 | 15:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.