publicidade hoxe

Villares lamenta a perda de 10 meses para rectificar e integrar os aspectos socioeconómicos, habilitar maiores TAC e flexibilizar a súa administración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, lamentou que se perderan 10 meses para rectificar e integrar no reparto de cotas de pesca os aspectos socioeconómicos, habilitar maiores TAC e flexibilizar a súa administración como se viña defendendo desde Galicia desde o pasado mes de novembro. Deste xeito amosou a súa satisfacción ante o feito e valorou positivamente que se estean dando pasos neste sentido o que permitirá rematar o ano con maiores posibilidades de pesca.

Así o expuxo no Consello Consultivo de Política Pesqueira e Política Agrícola para Asuntos Comunitarios que tivo lugar esta tarde, no que se debateu a posición que levará España respecto aos asuntos incluídos na orde do día do vindeiro Consello Europeo de Agricultura e Pesca que terá lugar o 23 de setembro en Bruxelas.

O titular de Mar tamén destacou que as alegacións presentadas pola Xunta e toda a presión exercida nos últimos meses serviron para que o abadexo non teña nestes momentos un réxime de TAC (Totais Admisibles de Captura) e cotas tan restritivas. Tal é así que, de prosperar a proposta que sempre defendeu o Goberno galego, a frota galega non estaría agora nos apuros nos que se atopa a conta da exigua cota fixada para este ano e o que vén en augas ibéricas: 70 toneladas, que se quedaron en 55,6, tras descontar o que se pescou de máis no 2023.

A posición de Galicia ante a proposta de proceso de determinación de TAC é a seguinte. No caso das poboacións compartidas con Reino Unido, é preciso sinalar o sometemento dos Estados membros a un poder de negociación limitado e a eliminación da posibilidade de adaptar as cotas de pesca ás circunstancias das súas pesqueiras e frotas. Considérase necesario, por tanto, perfeccionar e transparentar o sistema de negociación de cara aos vindeiros anos para evitar sentar un precedente negativo na determinación das TAC.

Polo que refire ás especies compartidas entre a Unión Europea, Noruega e o Reino Unido, avógase por equilibrar e restituír a asignación de cotas de importancia para España, garantindo o cumprimento normativo histórico desta asignación.

No que se refire ás poboacións distribuídas de cabala, bacaladilla, e arenque atlántico-escandinavo, sinálase a importancia de dispoñer de ferramentas normativas no ámbito comercial que permitan estimular o sometemento das cotas nacionais a un criterio de consenso e non de unilateralidade, chegando a aplicar sancións a aqueles países non colaboradores neste ámbito.

18 de setembro de 2024 | 09:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.