O conselleiro de Sanidade destaca o compromiso da Xunta coa sanidade pública de Moaña con 9 M€ de investimentos en marcha e a dotación dunha nova ambulancia
O compromiso da Xunta coa sanidade pública de Moaña queda perfectamente acreditado con investimentos en marcha por importe de preto de 9 millóns de euros e a dotación dunha nova ambulancia con sede neste concello. Así o destacou esta mañá o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na súa visita de supervisión do avance das obras do novo centro de saúde do municipio.
O conselleiro adiantou que nas vindeiras semanas a Xunta impulsará a licitación do novo contrato de transporte urxente da área sanitaria de Vigo, que prevé a dotación dunha nova ambulancia de soporte vital avanzando en enfermería para O Morrazo, con base en Moaña durante todo o ano, que reforzará as capacidades da asistencia na comarca.
Na visita, o titular da carteira sanitaria estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; polo xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada; pola directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, Amparo Pousada; e polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente.
Tal e como subliñou o conselleiro, o investimento en marcha no novo centro de saúde de Moaña, de 8,3 millóns de euros, permitirá dotar aos veciños dun centro sanitario moderno, accesible, confortable e preparado para ofrecerlles unha asistencia sanitaria de vangarda e de máxima calidade. Ademais, o novo centro case triplicará a superficie do actual, ao pasar dos 1.033 m2 aos preto de 3.000 m2 de superficie útil.
Gómez Caamaño detallou que as obras se atopan a pleno rendemento. Na actualidade están a colocarse os paneis de madeira da fachada da planta baixa, coa previsión de rematar a instalación de toda a estrutura de madeira en novembro.
As obras continuarán avanzando co obxectivo de rematar a construción do novo centro de saúde de Moaña en maio do vindeiro ano, incidiu o conselleiro.
Máis investimentos sanitarios
O conselleiro de Sanidade tamén destacou a reforma do consultorio de Domaio, licitada no mes de maio por preto de 420.000 euros, que se adxudicará nos vindeiros días para comezar inmediatamente a execución das obras. Unha proba máis, dixo, de que a Xunta avanza na atención ás necesidades de mellora da sanidade pública no Morrazo.
O conselleiro rematou a súa intervención incidindo en que as políticas de asistencia e de impulso de infraestruturas en materia sanitaria son froito dun rigoroso traballo de planificación e estudo, do que se derivan actuacións que non poden ser improvisadas. As obras do novo centro de saúde hoxe visitadas, a próxima reforma do consultorio de Domaio e a dotación da nova ambulancia son froito dese traballo de planificación da Consellería de Sanidade e acreditan o compromiso da Xunta con Moaña.