publicidade hoxe

A Xunta publica a concesión das 250 Bolsas BEME para galegos do exterior que realizarán este curso un mestrado nunha das tres universidades públicas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a concesión definitiva das 250 Bolsas de Excelencia Xuventude Exterior (BEME) que permitirá a mozos e mozas do exterior cursar algún dos mestrados que ofertan as tres universidades públicas galegas.

Trátase dun programa de axudas que ofrece a Secretaría Xeral da Emigración e que acada xa a súa oitava edición, na procura de fomentar o retorno da xuventude galega no exterior.

A listaxe que se publica hoxe no DOG ten en conta as alegacións presentadas polos galegos do exterior que optaron a estas axudas, así como a recepción dos xustificantes da matrícula dos alumnos e alumnas nos diferentes mestrados, establecéndose unha quenda de persoas suplentes para cubrir posibles renuncias ou baixas.

Entre os datos que se desprenden do listado, o maior número de persoas beneficiarias proceden da Arxentina, Venezuela, O Uruguai, O Brasil e O Reino Unido, das que 113 cursarán os seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 84 na de Vigo (UVigo) e 53 na da Coruña (UDC).

Cómpre destacar que a Secretaría Xeral da Emigración pechou este ano o prazo de solicitude das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME) con máis de 850 galegos universitarios do exterior interesados en conseguir un mestrado nunha das tres universidades públicas galegas.

As bolsas BEME

As bolsas BEME destínanse a galegos universitarios residentes fóra de Galicia dende fai máis de dous anos ou descendentes de galegas e galegos con titulación superior que desexen realizar un dos mestrados que ofertan as tres universidades públicas galegas en calquera dos seus campus. O obxectivo destas bolsas é que estas mozas e mozos poidan completar a súa formación universitaria en Galicia, coa conseguinte posibilidade de quedar a traballar e vivir aquí.

Todas as persoas beneficiarias destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na nosa Comunidade. Así, a oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

A bolsa, cun importe que varía entre os 8.000 e os 12.500 euros dependendo da rexión de procedencia e do número de créditos a realizar, cubrirá gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención en Galicia. Con esta convocatoria, a Xunta reafirma o seu compromiso co talento galego no estranxeiro, ofrecendo xa máis de 2.000 oportunidades de retorno ata a data, coa meta de fortalecer a Comunidade galega a través da educación e da integración profesional.

4 de setembro de 2024 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.