publicidade hoxe

A Xunta anuncia a posta en marcha dun proxecto de información e sensibilización para a desestigmatización da enfermidade mental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, clausurou esta mañá en Compostela a xornada conmemorativa do Día mundial para a prevención do suicidio, onde anunciou a vindeira posta en marcha dun proxecto para a sensibilización e desestigmatización social das enfermidades de tipo mental.

Segundo avanzou o titular de Sanidade, o novo proxecto incluirá diversas actividades (conferencias, material audiovisual, etc…) que servirán para sensibilizar sobre a saúde mental, non só a pacientes e familiares, senón tamén aos medios de comunicación e ao conxunto da cidadanía. Este proxecto porase en funcionamento no transcurso do ano 2025.

Durante a súa intervención, Gómez Caamaño incidiu na enorme complexidade que posúe atallar a que é unha das principais causas de morte non natural no noso país, un problema, abundou, “que require dun enfoque multidisciplinar” e da implicación do conxunto dos axentes sociais e das institucións.

O conselleiro remarcou que o suicidio debe abordarse desde unha perspectiva multidisciplinar, desde o apoio social, psicolóxico e institucional, e incidiu nalgunhas das ferramentas desenvolvidas pola Xunta para previr as condutas suicidas.

Entre outras, lembrou o Plan de Saúde Mental (2020-2024) co que se reforzaron os servizos asistencias deste ámbito; a implantación de Unidades de prevención do suicidio no conxunto das áreas sanitarias galegas; a posta en marcha do ‘Protocolo de prevención, detección e intervención do risco suicida no ámbito educativo’ -en colaboración coa Consellería de Educación-; ou a formación de 50 especialistas dos eidos sanitario e educativo, para desenvolver, de xeito pioneiro en España, o Proxecto YAM que incide na prevención da conduta suicida.

O responsable de Sanidade tamén salientou a importancia dos medios de comunicación á hora de abordar esta materia. Indicou, nesta liña, que o Servizo Galego de Saúde e o Colexio profesional de xornalistas de Galicia están a traballar nun documento de boas prácticas con recomendacións destinadas a elaboración de novas relacionadas coa conduta suicida.

Caamaño pechou a súa intervención agradecendo a presenza e as achegas do conxunto de especialistas en Saúde Mental que durante a xornada de hoxe compartiron coñecemento e experiencias cun triplo obxectivo: previr as condutas suicidas, reducir o estigma social, e crear unha especial conciencia sobre este complexo problema.

10 de setembro de 2024 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.