Medio Rural convoca axudas por importe de máis de 1 M€ para a subministración de froita fresca, castañas e leite aos centros escolares galegos
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria, adscrito á Consellería do Medio Rural, pola que se convocan para o curso 2024/2025 as axudas destinadas á subministración de froita fresca, castañas e leite ao alumnado dos centros escolares galegos, dotadas cun orzamento que supera lixeiramente o millón de euros, financiados ao 100% con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga).
Os centros educativos que queiran participar nos programas poderán presentar a súa solicitude ata o 20 de setembro. Poderán acceder a estas axudas os centros escolares de educación infantil, primaria e secundaria (incluíndo a educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a formación profesional de grao medio).
Cada ano, arredor de 80.000 alumnos galegos consumen froita e leite durante o recreo nos centros escolares onde estudan grazas a estas axudas que xestiona a Consellería do Medio Rural. En concreto, o curso pasado participaron nesta iniciativa un total de 335 centros educativos de toda Galicia. Canto ao orzamento, as achegas dispoñibles para o vindeiro curso escolar superan os 378.000 euros no apartado do leite e os 645.000 euros no caso da froita, sumando así un orzamento conxunto que supera os 1.023.000 euros.
Dous períodos de repartición
Haberá dous períodos de repartición autorizados, de novembro de 2024 a febreiro de 2025 e de marzo a xuño do vindeiro ano. En cada período, a distribución de froitas frescas e castañas levarase a cabo durante 10 días lectivos consecutivos, mentres no caso do leite líquido terá lugar durante un mínimo de 10 días lectivos seguidos.
A través desta liña de subvencións, a Consellería do Medio Rural pretende potenciar o consumo de froita e leite entre os nenos e a mocidade, creando así hábitos alimenticios saudables que poidan manter no futuro.