Labores de conservación e mantemento en dous tramos de canles fluviais no concello de Neda
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar hoxe actuacións de conservación e mantemento en dous tramos de canles fluviais no concello de Neda que suman máis de catro quilómetros.
As tarefas, que se desenvolverán na parroquia de Santa María de Neda, afectan ao río Belelle (máis de 3,3 km) e ao río Basteiro (máis de 900 metros). As actuacións consisten na retirada de árbores e biomasa presente nas canles fluviais para evitar atoamentos así como en labores de roza puntual de arbustos no acceso ás canles.
Os traballos, que xa foron comunicados ao concello, prolongaranse durante algo máis de dúas semanas e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras, podadoras e rozadoiras así como coa utilización de maquinaria de apoio como un tractor e un camión.
Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve este tipo de accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento dunha zona catalogada como de alto risco potencial significativo de inundación.
O obxectivo final é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.