Issga pon o foco na importancia das recomendacións preventivas de riscos laborais asociadas aos traballos forestais
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, salienta dúas campañas preventivas de prevención de riscos laborais no eido da actividade forestal -dirixidas tanto a empresas como a persoal traballador- co obxectivo de fomentar a concienciación de todo o sector sobre a perigosidade asociada a estes postos de traballo.
Neste contexto, a Xunta de Galicia vén marcando o sector primario -e en particular, o forestal pola súa importancia no tecido produtivo- como un campo de actuación prioritaria para seguir avanzando no eido do estudo e investigación de accidentes, o asesoramento técnico a empresas, a prevención de riscos laborais, a elaboración de documentación técnica e a realización de diversas actividades formativas e informativas.
Prevención en traballos de tala e roza no monte
A primeira das campañas está focalizada nas recomendacións preventivas en dúas das operacións de maior risco nos traballos de aproveitamento forestal do monte, como son a roza e a tala, establecendo medidas de actuación ante árbores sentadas ou ante árbores apoiadas/enganchadas.
Nesta liña, o Issga desglosa -a través dun documento informativo en varios idiomas elaborado polo grupo de traballo técnico no sector forestal- medidas preventivas e pautas de planificación, coordinación e procedemento de traballo axeitado, facendo fincapé en aspectos como nunca abandonar o monte deixando unha árbore sentada sen sinalizar, non permanecer nin transitar na zona de influencia dunha árbore enganchada ou non cortar nin derrubar nunca unha árbore sobre a que hai outra apoiada.
Planificación dos traballos de aproveitamento forestal en zonas perigosas
A segunda das campañas ten como obxectivo identificar as zonas perigosas á hora de planificar os traballos de aproveitamento forestal. Neste caso, a través dun documento gráfico e visual dispoñible tanto en formato dixital como físico, recóllense as recomendacións á hora de recoñecer as zonas perigosas nas principais tarefas de aproveitamento forestal, como son a corta polo pé manual ou mecanizada de árbores ou a carga de madeira sobre plataforma, entre outras.
Ademais, o Issga lembra que é fundamental situarse fóra das zonas de perigo e asegurarse que non haxa persoas nas zonas perigosas xeradas por estes traballos, así como respectar as recomendacións de seguridade recollidas nos manuais de instrución dos equipos de traballo e atender ao recollido na avaliación de riscos.
Formación no sector forestal
Xunto coas campañas de información e formación que o Issga está a organizar, sitúanse tamén o desenvolvemento de cursos de prevención de riscos no uso da motoserra e a rozadoira en concellos das catro provincias galegas e que teñen como obxectivo aumentar a seguridade no uso destes equipos nas tarefas agroforestais, xa que son dúas das ferramentas que se atopan entre os equipos de traballo que maior sinistralidade ocasionan nestas actividades.
Tamén se realizarán seis edicións do curso de gamificación para avanzar na prevención de riscos laborais no sector forestal, dirixidos especificamente ao alumnado de formación profesional e empregando ferramentas e aplicacións como Alertas Issga para influír no comportamento das persoas durante o manexo de ferramentas e equipos de traballo usados neste sector.