Galicia situouse en xullo como o primeiro destino turístico do norte peninsular e o sétimo de España
O pasado mes de xullo, Galicia situouse como o sétimo destino máis importante do norte peninsular e o sétimo de España por detrás de Cataluña, Baleares, Andalucía, Canarias, Comunidade Valenciana e Madrid. Así se desprende dos datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística que constatan que -ao igual que sucedera en maio e xuño- a Comunidade galega destacou en volume de noites nos establecementos de aloxamento.
En concreto, na totalidade dos establecementos de aloxamento, o pasado mes de xullo aloxáronse máis de 900.000 persoas que fixeron máis de 2 millóns de noites. Galicia mantense por terceiro ano consecutivo por riba das dúas millóns de noites e supera os niveis prepandemia en pernoctacións.
No mes de xullo, o 62% da demanda corresponde ao segmento hoteleiro –cun 50% para os hoteis e 12% para as pensións- mentres que o 38% restante fica no aloxamento extrahoteleiro, especialmente nos campings, que absorberon o 18% do total, fronte as restantes tipoloxías que representan o 7% no caso dos apartamentos turísticos, o 3% os aloxamentos de turismo rural e o 10% os albergues.
O turismo internacional amosa un comportamento positivo xeneralizado, superando o volume de noites do pasado ano en todas as modalidades agás nos albergues. Os incrementos danse nos hoteis (5,3%), pensións (3,1%) e cámpings (1,9%) e notables nos apartamentos turísticos (13,4%) e no segmento de turismo rural (11,6%).
De xeito acumulado, nos primeiros sete meses deste ano Galicia rexistrou preto de 3,9 millóns de viaxeiros aloxados que fixeron 7 millóns de noites no conxunto do aloxamento turístico, o que supón incrementos de 2,2% e 0,2% respectivamente. Esta dinámica mantén o nivel final de demanda dos primeiros sete meses en máximos da serie histórica con 14.000 novas pernoctacións respecto do nivel de 2023. É por tanto o segundo ano consecutivo no que as noites dos primeiros sete meses se achega á barreira dos sete millóns de noites.