publicidade hoxe

Galicia rexistrou un mes de xullo moi cálido, cunha temperatura media 1,1 graos por riba do agardado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

Galicia rexistrou un mes de xullo moi cálido en canto ás temperaturas que se plasmou nunha temperatura media 1,1 graos por riba do valor climatolóxico normal para esta época. Así se recolle no avance do último informe climatolóxico mensual elaborado por MeteoGalicia e que foi presentado esta mañá pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.

Neste sentido, cómpre subliñar que o período estivo caracterizado por tres partes ben diferenciadas. Así, a primeira semana do mes viu marcada polo tempo seco e soleado, con temperaturas normais e en liña cos valores agardados para xullo, mentres que a partir do día 6 predominaron as borrascas e polo tanto, o tempo foi máis húmido e fresco do que cabería agardar neste mes.

En todo caso, a partir do día 21 as xornadas estiveron marcadas por situacións de sol e incluso de intenso calor en días concretos, con avisos por altas temperaturas que, tal e como explicou Vázquez Mejuto, obrigaron a activar o sistema de avisos por episodios de calor en coordinación coa Consellería de Sanidade.

De feito, sinalou que o 23 foi o día máis caloroso de todo o mes, durante o cal se superaron os 40ºC en varios puntos da comunidade, sendo a máxima absoluta rexistrada os 41,8ºC acadados no concello ourensán da Arnoia.

Por outra banda, a conselleira lembrou que xullo é o mes máis seco en Galicia, pero este ano as frontes sucedidas entre os días 6 e 20 acumularon máis auga da habitual, o que permitiu equilibrar o balance pluviométrico de todo o período.

Así, o mes pasado acabou cun 3% máis de precipitacións do esperado tendo en conta os rexistros obtidos nas estacións galegas máis representativas no período de referencia 1981-2010, o que fai que se poida considerar un xullo dentro da normalidade en canto ás chuvias, cun promedio de 44 litros por metro cadrado.

En todo caso, a análise por zonas revela unha grande variabilidade nos distintos puntos do territorio, concentrándose as precipitacións máis elevadas na comarca de Muros (con preto de 162 l/m2) e as máis baixas, nas da Limia e Terra de Lemos (que rexistraron en ambos casos menos de 4 l/m2).

Por último e con respecto ás perspectivas para o mes que acaba de comezar, Ángeles Vázquez avanzou que os grandes centros meteorolóxicos a nivel mundial que fan este tipo de previsións (Copernicus en Europa e a NOAA nos EEUU) están de acordo en prognosticar un agosto máis cálido e algo máis seco que a media climática.

Aínda así, lembrou que as previsións estacionais non teñen unha fiabilidade moi alta en lugares como Galicia, unha comunidade sometida a influencias cruzadas (atlánticas, continentais europeas e africanas) que explican a alternancia de períodos cálidos e secos con outros máis frescos e húmidos, tal e como ocorreu o pasado xullo, por exemplo.

5 de agosto de 2024 | 15:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.