publicidade hoxe

Galicia mantén a evolución positiva do mercado laboral co mellor xullo da serie histórica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O mercado laboral galego continúa cunha evolución favorable e acada, con 118.045 persoas, a cifra de paro máis baixa nun mes de xullo desde que hai rexistros (1996). Ademais, Galicia é a segunda comunidade autónoma en baixada de paro na evolución anual (-7,38%), superando a baixada do Estado (-4,77%) en 2,61 puntos e tamén é a segunda comunidade que máis sube en afiliacións no último mes.

Así o afirmou hoxe o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, na valoración dos datos que fixo durante a visita ao Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Carballiño.

Ademais, o paro caeu na evolución anual nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades, en todos os sectores de actividade e tamén en colectivos prioritarios nas políticas activas de emprego da Xunta como as mulleres, os menores de 30 anos e os parados de longa duración.

Na comparativa anual, por sectores, liderou a baixada o primario (-11,93%) seguido da construción (-11,47%) e da industria (-11,25%). En canto aos colectivos prioritarios, diminuíu o paro nas mulleres (-7,96%), entre os menores de 30 anos (-5,32%) e nos parados de longa duración (-6,05%). Ademais, a cifra de desempregados xuvenís é a máis baixa de toda a serie histórica (2005) e a de mulleres desempregadas a máis baixa nun mes de xullo.

Con respecto á evolución mensual, o paro practicamente se mantén en Galicia con respecto a xuño, cunha suba moi lixeira. A maiores, José González tamén valorou os datos de afiliacións á Seguridade Social que acadan en Galicia un total de 1.093.374 cun aumento superior ás 8.500 persoas en relación co mes anterior. Neste ámbito Galicia é a segunda comunidade que máis sobe en afiliacións no último mes.

Medidas para un emprego de calidade

Neste sentido, o conselleiro explicou que o Goberno galego segue deseñando distintas medidas para continuar xerando máis e mellor emprego de calidade, tanto por conta propia como por conta allea, tendo como base o diálogo social cos principais axentes socioeconómicos.

Deste xeito, a Xunta busca afrontar retos como a falta de man de obra coa finalidade de seguir mellorando a inserción laboral das galegas e dos galegos, poñendo o foco nos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego como son os parados de longa duración.

Para mellorar a contratación por conta allea, o Goberno galego está a modernizar o Servizo Público de Emprego e a casar oferta con demanda a través da ferramenta baseada en Intelixencia Artificial, EMi. Deste xeito, busca incrementar as oportunidades laborais das persoas que realmente queren traballar.

Ademais, para impulsar o emprego por conta propia, o Executivo autonómico segue despregando a Rede de polos de emprendemento que conta con 14 oficinas, coa previsión de ampliarse ata 15 proximamente.

2 de agosto de 2024 | 14:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.