publicidade hoxe

Galicia inicia este curso a maior modernización do sistema educativo galego dos últimos 30 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

Almorzo informativo sobre os cambios do ano académico

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, avanzou hoxe que Galicia inicia este curso a maior modernización do sistema educativo galego dos últimos 30 anos. O representante da Xunta referiuse deste xeito aos cambios organizativos que se estrearán na volta ás aulas froito do histórico acordo asinado coas organizacións sindicais e que continuarán ampliando o seu alcance progresivamente ao longo dos vindeiros anos académicos.

Acompañado do seu equipo, Román Rodríguez detallou as liñas de traballo que o seu departamento está a iniciar coincidindo co comezo do segundo cuarto do século XXI, ao entender que novos tempos e novas realidades esixen novas respostas e recursos. “Nunca antes comezamos un curso escolar cunha batería de medidas e novidades tan amplas e de tanto calado como as que facemos agora”, afirmou o conselleiro.

“É un cambio que emprendemos desde Galicia e para Galicia. Unha transformación sen precedentes logo dalgunhas oportunidades perdidas nas novas leis educativas estatais”, reflexionou. Nese senso, propón que Galicia “sexa a avanzadilla de España”. Para iso, parte dunha boa situación, cunha educación por riba da media de España e da Unión Europea segundo os informes comparativos nacionais e internacionais. Logo de que o ensino sexa un dos aspectos que máis ten avanzado e contribuído ao progreso de Galicia nos últimos 25 anos, Román Rodríguez chama a “non conformarse nin acomodarse”.

Agradecemento aos empregados públicos na volta ás aulas

Román Rodríguez comezou a súa intervención cun agradecemento aos empregados públicos da Consellería, que veñen traballando ao longo de moitos meses, tamén durante o verán, para preparar o novo curso e que realizan con éxito procesos tan complexos como a celebración das oposicións con máis de 20.000 aspirantes.

A continuación, explicou que a pasada lexislatura “foi unha das máis complicadas que se recordan desde o punto de vista educativo, coa xestión da covid e a implementación atropelada da nova lei educativa estatal”. Esta situación impediu abordar “outros cambios no sistema educativo que consideramos necesarios” e que agora comezan.

Para facelo, a Xunta de Galicia conta “cunha folla de ruta planificada, con efectos inmediatos xa este mesmo curso, pero cunha visión a medio e longo prazo”. Na súa opinión, “a estabilidade é un dos ingredientes que mellor funcionan na educación”.

Retos demográficos, sociais, tecnolóxicos, laborais e arquitectónicos

Con esa estratexia quérese responder a novos retos demográficos, derivados da caída da natalidade ou da chegada de estudantes doutros lugares, que constitúen unha oportunidade para mellor o ensino; retos sociais ante unha sociedade máis aberta e plural, máis sensible a diversas realidades, onde a inclusión ocupa un lugar principal; retos tecnolóxicos, desde a dixitalización ao aproveitamento da intelixencia artificial; retos laborais, adecuando a oferta de FP ás necesidades do tecido produtivo e intensificando a relación entre centros e empresas, ou retos arquitectónicos, cun novo modelo de centros, con espazos para metodoloxías innovadoras de aprendizaxe e especial atención á mellora da eficiencia enerxética e a sustentabilidade.

Para iso, trázanse algunhas liñas mestras das que depende esta batería de medidas, como o acordo histórico asinado con tres das catro organizacións sindicais da Mesa Sectorial; as avaliacións de diagnóstico iniciadas este curso e que permitirán trazar estratexias de mellora; o Plan de Nova Arquitectura, cun investimento récord na renovación de centros, ou o novo Plan FPGal360 que, desde este curso, buscará reducir o abandono escolar e asegurar a maior cualificación posible da mocidade galega.

Acordo de longo alcance coas organizacións sindicais

Román Rodríguez detívose especialmente no acordo sindical e, novamente, agradeceu “a altura de miras, a visión, a responsabilidade e o compromiso” dos sindicatos que o impulsaron. “É un acordo sen precedentes que será recordado durante moito tempo. Aínda non somos quen de ver, na súa xusta medida, a transcendencia que vai ter no ensino galego nos próximos anos e nas próximas décadas”, declarou. A súa dimensión e os cambios organizativos de calado que inclúe fan necesario esta aplicación “progresiva e proporcional” que acaba de comezar neste 2024 con todas as medidas en marcha.

“O obxectivo -manifestou o conselleiro- é mellorar a atención ao alumnado, mellorar as condicións do profesorado e mellorar o funcionamento dos centros”. Sobre esta cuestión, apuntou que existen “pequenas discrepancias, lóxicas e normais” cos sindicatos na interpretación de dous puntos da quincena que compoñen o acordo, sobre a velocidade de implantación. Ante iso, o titular de Educación explicou que a Consellería decidiu atender as reclamacións e ir máis alá do inicialmente previsto para este curso.

Máis aulas e profesores con 4.000 alumnos menos

Román Rodríguez enumerou, a continuación, a batería de medidas que empezan a materializarse desde este curso. A primeira delas, “a redución do 20% do número de alumnos por aula” que comeza en 4º de Infantil, pasando dun máximo de 25 a 20, e que se ampliará ano a ano ao resto de etapas ata completar todo o sistema. Ao respecto, lembrou que a nova lei educativa estatal non modificou estas rateos, por iso Galicia decide facer o cambio a iniciativa propia, partindo unha boa situación, pois “xa eramos previamente unha das comunidades de España con mellores rateos medias”.

Esta mellora está a permitir que este novo curso vaiamos contar co mesmo número de aulas -en concreto, con dúas máis- nas etapas de Infantil e Primaria a pesares de ter 4.000 alumnos menos matriculados. Iso fai que se poidan manter abertas 204 aulas que, coas anteriores rateos, pecharían por falta de estudantes. A estimación é que, ao longo dos tres próximos cursos, esta cifra de aulas escale ata un total de 900 preservadas.

Ponderación da discapacidade pioneira en España

Román Rodríguez considera que a atención á diversidade é un dos ámbitos “onde máis ten avanzado o ensino galego en pouco tempo”, pero á vez recoñeceu que nunca será suficiente e hai “moito camiño por percorrer”. Aí encadra a nova medida que comeza a aplicarse xa, unha iniciativa pioneira en España, que non existe outras comunidades: a ponderación do alumnado con necesidades educativas especiais por dous ou por tres en base aos informes médicos que acrediten o seu nivel de discapacidade, de dependencia ou de trastorno grave de conduta. Aínda que inicialmente só se ía aplicar en 4º de Infantil, finalmente este cómputo empeza a realizarse nas etapas de Infantil e Primaria.

Isto suporá un reforzo do profesorado para que os centros poidan, en base á súa autonomía organizativa, decidir a mellor opción pedagóxica coa que empregar esta dotación extraordinaria: desdobres de grupo, tratando de evitar a ruptura de grupos preexistentes cando non sexa imprescindible; apoio dentro da aula, coeducación con dous profesores simultáneos en clase, subgrupos en materias instrumentais…

Menores agrupamentos e preservación de escolas

Outro dos eidos de mellora é o ensino rural, “un dos sinais de identidade da educación galega”, lembrou Román Rodríguez. Nese senso, asegurou que se trata dun “modelo de proximidade” que esperta interese máis alá de Galicia, de aí as visitas recorrentes de delegacións educativas doutros países e comunidades autónomas para coñecelo.

O conselleiro aludiu ao informe presentado o pasado ano e que conclúe que os alumnos do rural e do urbano obteñen os mesmos resultados académicos, para o que é necesario realizar un investimento moi superior en contornas rurais debido á dispersión xeográfica. “Isto garante a igualdade de oportunidades e fai que Galicia sexa a comunidade máis equitativa”, tal e como veñen afirmando os informes PISA nas últimas edicións.

Para continuar mellorando, recupérase un acordo de agrupamentos asinado en 2009 e no que a crise económica impediu avanzar. “Recuperámolo coa clara vontade política de levalo á práctica”, sinalou. De aí que se introduzan xa as dúas primeiras medidas. Por unha banda, non pechar centros rurais con cinco alumnos -aínda que o mínimo establecido para funcionar é de seis por razóns pedagóxicas e de socialización- naqueles casos nos que existen perspectivas de recuperar matrícula nos cursos seguintes.

Por outra banda, no referido aos agrupamentos, ata agora o número máximo de alumnos de distintos cursos de Infantil que compartían unha mesma aula no rural era de 18. A partir deste curso, grazas ao acordo asinado coas organizacións sindicais, será de 14. Tamén esta medida, avanzou, irase ampliando con melloras progresivamente.

Incremento de 14M€ na masa salarial

Finalmente, Román Rodríguez explicou as melloras na carreira profesional docente, “a peza clave do sistema e do éxito educativo”. De feito, desde o pasado 1 de xaneiro son efectivos varios incrementos salariais en base a complementos que recompensan a aquel profesorado que máis se forma ou que asume tarefas de responsabilidade como poden ser os equipos directivos, as titorías ou postos asimilables. Estes incrementos salariais, que serán progresivos durante tres anos, supoñen en 2024 un aumento da masa salarial de 14M€ e propicia que Galicia escale postos nas retribucións docentes.

Ademais, a petición dos sindicatos, redúcese o horario lectivo do profesorado de Infantil e Primaria, que traballará o mesmo número de horas, pero distribuídas doutro xeito, liberando horas de docencia para outras tarefas como preparar clases. Igualmente, estanse a deseñar, xunto ás organizacións sindicais e centros, medidas para reducir os labores burocráticos, de xeito que se poida reinvestir ese tempo en tarefas estritamente educativas. Ademais, establécense melloras para facilitar a conciliación, flexibilizando as reunións virtuais. Por último, duplícanse as axudas ao profesorado para gastos de formación, unha medida publicada precisamente onte no Diario Oficial de Galicia.

30 de agosto de 2024 | 15:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.