A Xunta pon de relevo as axudas abertas por 8 M€ destinadas a unidades formativas en empresas para cualificar máis de 3.000 persoas desempregadas
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou este mediodía o centro de Quattro Formación e participou na entrega de diplomas ao alumnado participante na unidade formativa implantada no Estaleiro Ría de Vigo e apoiada pola Xunta. Alí, lembrou que a convocatoria deste ano cun importe de 8 millóns de euros para que as empresas galegas poidan cualificar máis de 3.000 persoas desempregadas con unidades formativas deste tipo continúa aberta, con prazo de solicitude vixente ata o próximo 30 de setembro.
Segundo a directora xeral, trátase dunha das medidas do Goberno galego na súa aposta por unha formación flexible adaptada ás necesidades do tecido empresarial. É unha iniciativa coa que se axuda ás empresas a impartir a súa propia cualificación sempre que se comprometan a contratar a polo menos un 40% do alumnado que participen na acción formativa. Deste xeito, estase contribuíndo a mellorar a capacitación das galegas e dos galegos e a xerar emprego ao mesmo tempo.
Convocatoria 2024
A previsión do Goberno galego é que se leven a cabo unhas 290 accións formativas no marco da convocatoria de unidades formativas de empresas para 2024. Poden optar aos apoios empresas, soas ou agrupadas temporalmente, ou que sexan entidades e titulares de centros inscritos para impartir formación profesional para o emprego na Comunidade.
As accións formativas con compromiso de contratación estarán dirixidas a persoas traballadoras desempregadas e impartiranse en modalidade presencial ata o próximo 29 de novembro de 2024.
Para accederen ás unidades formativas, as alumnas e alumnos deberán estar rexistrados como demandantes no Servizo Público de Emprego de Galicia e non estaren ocupados na data de inicio dos cursos. Poden obviar este trámite as persoas mozas inscritas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, tamén potenciais beneficiarias da cualificación.
A contía das achegas que se concederán ás entidades calcularase en función do custo da formación na especialidade impartida, da duración en horas e do número de participantes previstos. A presente convocatoria inclúe a posibilidade de impartir novos módulos transversais de manipulador de alimentos e o básico de prevención de riscos laborais.
Cómpre engadir que estas achegas insírense no Plan galego de formación para o emprego, dotado para o ano 2024 con 117 millóns de euros para impulsar unha formación dual e flexible, axustada ás necesidades do tecido produtivo.