A Xunta inviste máis de 5 M€ na renovación do firme da autovía AG-53, no treito entre o enlace de Cea e a A-52
A Xunta inviste máis de 5M€ na renovación do firme na autovía AG-53, no treito comprendido entre o enlace de Cea e a súa conexión coa autoestrada das Rías Baixas, a A-52.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, supervisou hoxe en Maside o inicio destes traballos, que tamén incluirán a renovación do firme no enlace de Piñor.
A renovación integral do firme desta autovía foi adxudicada en maio e xa están as máquinas traballando na estrada para compensar o desgaste natural do pavimento por mor do paso do tempo.
A intervención efectuarase ao longo de 13 quilómetros, executándose en dúas fases: unha primeira que xa está en marcha e se centra en reparacións estruturais do firme. A segunda fase consistirá na disposición dunha nova capa de rodaxe.
Estas obras completan o acondicionamento do firme nesta infraestrutura, tras as executadas en 2020 entre Dozón e San Cristovo de Cea, cun investimento de 4,8M€.
Cómpre lembrar que o trazado afecta a 7 termos municipais: Amoeiro, Maside, Ourense, Piñor, Punxín, San Cristovo de Cea e Toén, cuxos veciños contarán cunha estrada máis segura e cómoda.
Ademais a conselleira fixo fincapé tamén na importancia dun bo mantemento deste viario empregado por moitos transportistas.
Destacou que a Xunta mantén libre de peaxe esta autovía autonómica e “aínda sen cobrar aos usuarios vai completar unha renovación da capa de rodaxe en toda a vía”.
Actuación específica no viaduto do río Barbantiño
A responsable de Infraestruturas detallou a particularidade de que dentro do tramo sinalado se atopa o viaduto sobre o río Barbantiño, que será obxecto dun proxecto de reparación específico.
Concretou que o proxecto incluirá, entre outros, a impermeabilización do seu taboleiro, motivo polo cal no presente proxecto non se incluirá a renovación do pavimento sobre este viaduto.
Aposta pola seguridade viaria
María M. Allegue salientou a importancia da conservación dos firmes nas estradas. Neste sentido, lembrou que a Xunta está a acondicionar este verán a capa de rodaxe en 35 estradas como a AC-110, AC-564 e AC-566 en Ferrolterra; en varios treitos da AC-303 en Ribeira; ou na AC-550, en Outes.
Avanzou que se comezará en breve a mellora do firme en dúas estradas autonómicas da provincia de Lugo, en Monterroso, Taboada e Palas de Rei.
Apuntou que o compromiso tamén se demostra cos datos de investimento en firmes de 2024, cun total licitado de máis de 28M€, dos que 6,4M€ se invisten na provincia de Ourense.
Remarcou a aposta da Xunta pola seguridade viaria, incrementando este ano un 8% o investimento destinado a conservar as estradas autonómicas. Así, o orzamento total destinado a este fin ascende a 53M€, o maior investimento en 10 anos.
Concluíu que “tan estratéxica é a construción de novas estradas como o mantemento das existentes”, polo que insistiu na necesidade dun “plan de conservación tamén para as estradas do Estado en Galicia, posto que moitas requiren dunha actuación urxente”.