publicidade hoxe

A Xunta impulsa en Sober a cuarta edición de Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaLugoPortada dereitaSober
A-
A+

A Fundación Artesanía de Galicia organiza por cuarto ano consecutivo a iniciativa Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra, co obxectivo de impulsar a comercialización do produto artesán galego, divulgar os oficios artesanais e consolidar a marca Artesanía de Galicia. O evento celebrarase o próximo sábado 24 de agosto no Santuario de Nosa Señora de Cadeiras (Sober), en horario de 11,00 a 21,00 h.

Na edición deste ano participan 19 obradoiros da marca Artesanía de Galicia especializados en oficios como a marroquinería, a madeira, a olería tradicional, a calceta e o gancho, a xoiería, a cerámica, os xoguetes, a bixutería, a elaboración de redes, o manipulado de papel e os complementos de moda. Os obradoiros que participan como expositores –moitos deles procedentes da zona da Ribeira Sacra– son os obradoiros de olería de Gundivós (Sober) Elías de Gundivós e Figulus; os da Coruña Arobe Cerámica e Mioco Diseños; os de Quiroga, Armaior e Enxógate; os obradoiros de Ourense, María Aba e Logaro; Artesanía en Coiro Tres Pés (Pontevedra), María Monsalve (Monterroso), Mimacuir (Taboada), Tres Caracoles (Lugo), Péndulo (Burela), Contraform (Santiago de Compostela), Soledad Mato (Oroso), Obradoiro Gorín (Buño, Malpica de Bergantiños), Riomao Estudio (A Teixeira), Olería do Batán (Baños de Molgas) e Redeiras Artesás (Ponteceso).

Ao longo da xornada celebraranse tres obradoiros gratuítos e abertos a todos os públicos que se acheguen ata os pendellos de Cadeiras, en horario de 11,00 a 14,00 e de 16,00 a 21,00 h. A Asociación Galega da Cerámica e outras Artesanías (Gondomar) encargarase de dirixir un obradoiro de Iniciación ao torno cerámico, no que as persoas participantes elaborarán pezas de barro mediante as técnicas da olería tradicional galega. A actividade completarase coa divulgación das principais características das pezas máis representativas da nosa olería.

Guillermo Silvent, de Artesanía Silvent (Caldas de Rei) impartirá un obradoiro de remate de xoguetes de madeira; mentres que os artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop (Vigo), se encargarán do obradoiro de cianotipias, un procedemento fotográfico que emprega papel de acuarela e produtos á luz para obter imaxes en azul prusiano.

A programación do evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra completarase coa actuación da Banda de Música de Sober a partir das 12,00 h.

19 de agosto de 2024 | 12:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.