publicidade hoxe

A Xunta destina 5 M€ a investimentos en tecnoloxías forestais e comercialización de produtos para mellorar a competitividade das pemes de sector forestal de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

A Xunta destina 5 M€ a investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais para mellorar a competitividade das pemes galegas e do tecido industrial forestal-madeira.

Esta nova convocatoria de axudas que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) pon en valor o conxunto de recursos que atesouran os bosques galegos como son a madeira, a resina, a biomasa; así como tamén os equipamentos, maquinaria e as instalación precisas para incrementar a competitividade da industria vencellada a toda a cadea de valor.

En total a convocatoria recolle cinco liñas de axudas: xestión forestal activa; madeira e biomasa; castaña e resina; valor engadido na primeira transformación da madeira; e plans e ferramentas de xestión empresarial.

A liña 1 de xestión forestal activa inclúe apoios para a realización de tratamentos silvícolas (podas, desbastes e rareos), toda vez que cómpre dispor dunha maquinaria acaída, cuns tamaños, pesos e mobilidade suficiente para poder realizar un aproveitamento eficiente daquelas árbores que polos seus diámetros e alturas precisan ser eliminadas.

En canto á liña 2 de madeira e biomasa, recolle axudas para equipamentos de medición de masas forestais; acondicionamento e instalacións en parques intermedios de rolla ou biomasa; autocargadores, arrastradores forestais e tractocargadores completos; procesadoras, taladoras e outros equipamentos de corta; maquinaria específica e apeiros que permitan un aproveitamento comercial da biomasa forestal no monte; asteladoras con capacidade de recollida, empacadoras, colleitadoras ou procesadoras de biomasa.

Pola súa banda, a liña 3 de castaña e resina, financiará maquinaria específica, equipamentos, e apeiros que permitan un aproveitamento comercial da castaña ou da resina no monte; o acondicionamento e instalacións de parques intermedios de almacenamento e/ou clasificación; e bens de equipo e instalacións en empresas de recollida, manexo, clasificación, acondicionamento e comercialización de castaña ou resina.

En canto á 4 de valor engadido na primeira transformación da madeira, inclúese por primeira vez unha liña específica dirixida a posibilitar a compra de equipos portátiles para a clasificación estrutural de madeira e de maquinaria e instalacións de primeira transformación destinadas á clasificación automática por calidade tanto da materia prima como de produtos serrados intermedios ou finais, mediante a aplicación de escáneres de imaxe, dimensionais ou raios X.

A última liña (5) de plans e ferramentas de xestión empresarial está destinada á implantación, e de ser o caso certificación, da cadea de custodia de madeira certificada, normativas de calidade ou garantía e plans de mellora de xestión empresarial; e á implantación e certificación na empresa, se procede, de ferramentas de xestión empresarial específicas da actividade forestal.

As axudas convócanse en concorrencia competitiva e serán do 40 % cun máximo de 200.000 € para as liñas 1 e 4; de 150.000 € para as liñas 2 e 3; e de 50.000 € no caso da liña 5.

Estes apoios están cofinanciados pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), e enmárcanse na Axenda de Impulso da Industrial Forestal promovida pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) -dependente da Consellería de Economía e Industria- e que nace coa finalidade de modernizar a industria forestal a través das demandas da sociedade.

19 de agosto de 2024 | 12:50 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario