publicidade hoxe

A Xunta colabora nunha nova edición do festival Peirao Rock de Mugardos

Presentación do Peirao Rock

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto ao alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, e membros da organización, presentaron esta mañá no Concello unha nova edición do festival Peirao Rock que conta, por segundo ano consecutivo, co apoio de Turismo de Galicia.

A cita musical, de carácter gratuíto, terá lugar dos días 23 e 24 de agosto no parque da Constitución. Nel se reunirán un total de 8 bandas de rock e metal, tanto de Galicia como de fóra da Comunidade, “cun un estilo e unha enerxía únicos” que, como indicou a delegada territorial, “contribuirán a facer deste festival unha experiencia inesquecible para todos os asistentes”.

Os grupos galegos Moura, Balmog, Wisdom e Rottentown serán os encargados de abrir a programación o venres 23 de agosto. Xa o sábado será a quenda de The Night Eternal, Nashgul, Marthyrium e Hour Glass. Ámbolos dous días as actuacións arrincarán ás 21.00 horas.

Aneiros puxo en valor durante a súa intervención “o esforzo de vilas como Mugardos por propoñer iniciativas novidosas, únicas, singulares e con personalidade propia para así promover o turismo urbano e de festivais” e destacou a oportunidade que supón o Peirao Rock “non só para gozar da boa música, senón tamén como espazo de encontro para todos aqueles que comparten una paixón por estes xéneros musicais”.

1 de agosto de 2024 | 13:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.