A Xunta adxudica por máis de 7,7 M€ a construción de 41 novas vivendas de promoción pública en San Paio de Navia, en Vigo
A Xunta vén de adxudicar por un investimento de máis de 7,7M€ a construción de 41 novas vivendas de promoción pública en San Paio de Navia, en Vigo.
Este contrato de obras vén de ser adxudicado á empresa ORECO BALGÓN S.A.
O obxecto deste proxecto é a construción dun edificio para destinalo a 41 vivendas de promoción pública, que se adxudicarán en réxime de alugueiro, con 74 prazas de garaxe e 41 rochos.
De xeito máis concreto, o edificio consta de dúas plantas de soto, para garaxes, rochos e locais de instalación de servizos; unha planta baixa con catro portais, locais de instalacións e servizos; e o acceso de vehículos ás plantas de soto; e 3 plantas altas e ático, destinadas a vivendas.
En canto ao programa das vivendas, proxéctanse un total de 20 de 2 dormitorios, cunha superficie útil que oscila entre 68,23 m2 e 72,41 m2 no caso das vivendas que non teñen terraza; e entre 68,82 m2 e 76,08m2 para as que contan con ela.
As outras 20 vivendas son de 3 dormitorios, dúas delas adaptadas a persoas con mobilidade reducida, cunha superficie útil de 88,99 m2 no caso das vivendas que non teñen terraza; e unha superficie útil que oscila entre 88,11 m2 e 115,48 m2 para as que constan desta. Ademais, consta 1 vivenda de 4 dormitorios, cunha superficie útil de 117,33 m2.
San Paio de Navia
Este grupo de 41 vivendas, cuxas obras de construción veñen de adxudicarse, inclúense nas 359 vivendas públicas que se executarán no polígono 1 de San Paio de Navia. Nestes momentos, xa están en trámite de licitación e adxudicación un total de 316. Ademais, hai outras 43 vivendas de promoción pública que están programadas neste polígono.
Neste polígono 1 de San Paio están a desenvolverse as obras de urbanización e co obxectivo de que estas vivendas poidan ser unha realidade o antes posible, se desenvolverán de forma paralela aos traballos construtivos dos edificios residenciais.
Ademais das 359 vivendas de promoción pública, o parque residencial da cidade de Vigo reforzarase coa habilitación neste mesmo polígono de solo para a construción de 374 vivendas protexidas.
Ademais, a Xunta ten neste momento a licitación as obras de urbanización do polígono 2 por un investimento de preto de 16,4M€, para acometer o acondicionamento desta zona, fases A e B de San Paio de Navia, que permitirá a construción dun total de 719 vivendas.
O Goberno galego segue avanzando no seu compromiso da mellora da situación do mercado da vivenda, e na Estratexia de vivenda pública e protexida que prevé, nesta lexislatura, duplicar o parque público ata chegar ás 8.000 vivendas e desenvolver chan para 20.000 vivendas protexidas e 5.000 vivendas libres.