A Policía Autonómica realizou máis de 8.600 inspeccións e tramitou 1.600 denuncias relacionadas con delitos no medio rural o pasado ano
A Policía Autonómica realizou máis de 8.600 inspeccións e tramitou máis de 1.600 denuncias no marco da súa colaboración coa Consellería do Medio Rural durante o pasado ano. Este labor conxunto abrangue prevención e investigación de incendios forestais, actuacións en materia de sanidade e benestar animal, inspección e control de establecementos expendedores de produtos fitosanitarios, e actividades relacionadas coa praga do nematodo do piñeiro e coa prevención da gripe aviar.
A meirande parte da actividade centrouse na loita contra os incendios forestais, con 7.755 inspeccións e 1.497 denuncias. Xa de lonxe, as inspeccións na área de sanidade e benestar animal realizadas en transportes, feiras e mercados ascenderon a 490, con 102 denuncias tramitadas. Estas actuacións teñen principalmente un carácter preventivo e informativo, ademais do de control e inspección, e inclúen apoios puntuais ao traballo dos servizos veterinarios oficiais.
A campaña de prevención da gripe aviar supuxo 200 inspeccións e 13 denuncias. Consiste na inspección dos currais de aves domésticas situados en diversos concellos nos que hai ríos, lagoas ou zonas húmidas susceptibles de ser visitados por aves migratorias. A través desta iniciativa tamén se informa ás persoas propietarias dos currais da obriga de inscribilos nos rexistros habilitados. Estas inspeccións realizáronse unicamente nas zonas declaradas como de especial risco desta enfermidade (zonas ZER).
Control sobre produtos fitosanitarios
En canto ao control sobre a venda e uso dos produtos fitosanitarios, imprescindibles para a produción agrícola, supervísase tanto a axeitada aplicación como o destino final dos envases baleiros que contivesen praguicidas. Neste marco de acción realizáronse 10 inspeccións e tramitáronse cinco denuncias.
Pola súa banda, o control da praga do nematodo do piñeiro sumou dúas inspeccións e ningunha denuncia. A actividade nesta materia concéntrase na zona fronteiriza con Portugal, coa inspección de transportes de madeira nos que a Policía Autonómica está a constatar nos últimos anos un maior cumprimento da normativa.
A maiores do labor realizado nestes ámbitos habituais de colaboración entre o corpo policial e a Consellería do Medio Rural, ao longo de 2023 fixéronse 182 inspeccións de control de uva, cunha denuncia, e 12 inspeccións de transportes de perecedoiros, con tres denuncias.