A automatización evitará aos forenses do Imelga o rexistro manual no INE de máis de 2.100 autopsias anuais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

A Xunta está a pilotar a aplicación de tecnoloxías de automatización robótica de procesos (RPA) ao rexistro das autopsias no INE, un trámite que realizan mensualmente os forenses do Imelga. A automatización desta tarefa evitará aos forenses ter que mecanizar manualmente os datos de arredor de 2.100 persoas cada ano.

A solución que se está a probar permitirá incorporar os datos que os forenses rexistran no sistema Simelga e envorcalos nos apartados correspondentes do INE. Deste xeito reducirase o tempo no rexistro de defuncións, evitaranse posibles erros e contribuirase a unha maior fiabilidade das estatísticas do INE.

Este é un dos preto de 20 procedementos nos que se está a pilotar a aplicación da automatización, tanto na administración xeral autonómica como no eido xudicial. Son, na maioría dos casos, procesos internos da Administración nos que a automatización permite axilizar os procedementos e mellorar tanto os tempos como a calidade do servizo á cidadanía e o desempeño dos empregados públicos.

Estas solucións de automatización evitan aos profesionais da administración pública ter que realizar tarefas repetitivas, como revisar grandes volumes de documentos e procesos recorrentes, e poder dedicarse a tarefas de maior valor.

Plataforma de automatización intelixente

A Xunta de Galicia busca estender o uso das tecnoloxías de intelixencia artificial e robótica aos procedementos administrativos de xeito progresivo grazas á plataforma de automatización intelixente que comezou a desenvolver en 2022.

Esta plataforma permite dar resposta áxil ás necesidades de tramitación de grandes volumes de expedientes, evitando que as persoas realicen tarefas que poden ser automatizadas e dar un mellor servizo á cidadanía.

2 de agosto de 2024 | 14:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.