publicidade hoxe

Xunta e Concello de Santiago pechan o acordo para humanizar, ordenar e mellorar a accesibilidade do Hospital Clínico

A Xunta e o Concello de Santiago veñen de pechar o acordo para a humanización, a ordenación e a mellora da accesibilidade do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.

Nas últimas horas celebrouse un encontro de traballo entre a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, no que acordaron as bases da colaboración para mellorar a situación de mobilidade e ordenación na contorna do centro hospitalario.

Na xuntanza, Xunta e Concello acordaron impulsar un conxunto de actuacións para acadar ese obxectivo. Entre elas, a tramitación dun Plan de Interese Autonómico cun perímetro consensuado entre ambas as administracións de cara a ordenar, a humanizar e a mellorar os accesos e a mobilidade na contorna do centro hospitalario.

Neste marco, e se é posible urbanisticamente, acordouse que, antes da aprobación dese Plan de Interese Autonómico, se procederá á execución do aparcadoiro integrado e accesible dentro da parcela do hospital co fin de dotar, canto antes, prazas para o estacionamento, así como a execución da mellora do acceso desde Volta do Castro, que está prevista no planeamento urbanístico vixente. De non ser posible antes da aprobación do PIA, as dúas administracións coincidiron, en todo caso, na necesidade de abordar ese aparcadoiro integrado como actuación absolutamente prioritaria.

Tal e como se consensuou na reunión, todas as actuacións serán financiadas nun 90% pola Xunta, achegando o Concello o 10% restante.

O Concello de Santiago comprométese a eximir o pagamento do IBI do Hospital Clínico e do futuro Centro de Protonterapia que se constrúe ao carón do centro hospitalario, unha vez rematen as obras dese centro e as de ampliación do hospital, agora mesmo en execución por parte da Xunta cun investimento de preto de 100 millóns de euros.

O compromiso da Administración autonómica tamén inclúe, como estaba previsto, o cofinanciamento das actuacións de saneamento e abastecemento municipal, cunha achega de 3,5 millóns de euros.

Unha vez pechado o acordo no día de onte, a Xunta e o Concello seguirán a traballar para poder asinalo canto antes, a ser posible, neste mesmo mes de xullo.

11 de xullo de 2024 | 15:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.