Xunta e Concello de Covelo estudan a posibilidade de declarar a contorna do río Alén como Espazo Natural de Interese Local
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Covelo, Pablo Castillo, estudaron nunha reunión que mantiveron hoxe a posibilidade de declarar a contorna do río Alén como Espazo Natural de Interese Local (ENIL).
Segundo lle explicou a conselleira ao rexedor, este procedemento enmárcase na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que recoñece os ENIL como unha das categorías nas que se clasifican os espazos naturais protexidos. Nesa liña, subliñou que o concello debe presentar esta proposta, que debe ter como obxectivo a protección dun espazo que, polas súas singularidades, sexa merecedor dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.
A maiores, Ángeles Vázquez incidiu en que, aínda que a declaración dun ENIL é competencia da Administración autonómica, non implica a asignación de recursos económicos por parte da Xunta e a súa xestión corresponde ao Concello.
A conselleira tamén mencionou a opción de aprobar, logo de analizar os informes sectoriais pertinentes, unha declaración provisional, por un prazo máximo de dous anos. Tras este procedemento, o Concello deberá presentar, como requisito imprescindible, o plan de conservación deste espazo natural para acadar a declaración definitiva.
O río Alén forma co Tea, do que é afluente, unha das redes fluviais mellor conservadas do sur de Galicia en canto á calidade das augas, aos seus hábitats de ribeira e á súa biodiversidade.