publicidade hoxe

Rueda destaca que Galicia lidera un proxecto para a modernización e mellora da sustentabilidade do sector lácteo español

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

Alfonso Rueda na presentación de SMARTZ4MILK

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta mañá que Galicia lidera o proxecto ‘SMARTZ4MILK Cadea de Valor Láctea Intelixente, Trazable, Sostible e Conectada’ -no que colaboran outras catro comunidades- para a modernización e mellora da sustentabilidade do sector lácteo.

Durante a presentación desta iniciativa -promovida polo Clúster Alimentario de Galicia e no que participan empresas tecnolóxicas, da industria láctea e universidades-, o presidente salientou a importancia de sumar “esforzos” para que o sector primario “pegue un salto fundamental” e aproveite as oportunidades que dan as novas tecnoloxías. “Sen perder a súa esencia e a súa tradición que é un tesouro”, o sector non pode deixar escapar “o tren do futuro”, indicou Rueda.

No acto, no que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, Rueda fixo fincapé en que o sector lácteo galego é un referente internacional e un dos principais motores da economía de Galicia. A comunidade galega é a autonomía co maior produción toda España -o 42% do leite ten orixe galega-, está entre as dez máis importantes de Europa e concentra máis da metade dos gandeiros que hai no país.

A Xunta está comprometida co apoio a este sector desde hai anos con medidas coma a Estratexia de dinamización do sector lácteo -para mellorar a competitividade e sustentabilidade-; a Contaláctea -unha ferramenta dixital para facilitar a xestión das explotación- ou estando sempre ao lado de gandeiros, industria e distribuidores para que este produto teña un prezo acorde a súa excelencia e calidade.

Proxecto

A iniciativa SMARTZ4MILK enmárcase no Perte agroalimentario, do que xa recibiu 9,7 millóns de euros, e busca solucións tecnolóxicas para mellorar a trazabilidade dos produtos desde as granxas ata que chegan aos consumidores, reducir os residuos e emisións do sector ou mellorar a rendabilidade das explotacións.

Galicia lidera unha iniciativa na que tamén colaboran Asturias, Cantabria, Andalucía e Cataluña. Un proxecto que permitirá, segundo Rueda, que “o potente sector lácteo galego siga ocupando a posición que lle corresponde”.

A Xunta ten en marcha a Oficina Económica de Galicia que actúa como un único canle para centrar a comunicación e asesoramento ao tecido empresarial da comunidade e no que as empresas poden recibir todo tipo de información e orientación sobre as convocatorias abertas para fondos europeos, requisitos ou trámites a realizar.

9 de xullo de 2024 | 15:08 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario