publicidade hoxe

Os cinco centros de crise 24h estarán en funcionamento no último trimestre do ano

Fabiola García visitou as instalacións no Hospital Gil Casares de Santiago

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, e do xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela, Ángel Facio, visitou esta mañá as instalacións acondicionadas no Hospital Gil Casares para albergar o centro de crise 24 horas de Santiago. É un dos puntos de atención especializada para vítimas de violencia sexual que estarán en funcionamento no último trimestre do ano en diferentes cidades galegas.

Cada un destes centros contará cun equipo formado por sete profesionais: tres psicólogos, dous traballadores sociais, un auxiliar, para atención xeral, e un asesor xurídico, para a xestión de posibles denuncias. Deste xeito, ofrecerase atención psicolóxica, xurídica e social ás vítimas de violencia sexual as 24 horas e os 365 días do ano.

Ademais do centro de Santiago, a provincia da Coruña contará con outro no Hospital Novoa Santos de Ferrol. O da provincia de Pontevedra estará no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. En Ourense, no PAC da rúa do Concello, e en Lugo, no Hospital Universitario Lucus Augusti, que será o máis grande de toda Galicia. Todos eles estarán situados ao carón de servizos de urxencia, para facilitar a asistencia en situacións de emerxencia.

A aposta do Goberno galego

A Xunta de Galicia investiu 11 millóns de euros para poñer en marcha e garantir o funcionamento dos cinco centros de crise 24 horas nos próximos anos. Fabiola García destacou que, con este novo servizo, a nosa comunidade dótase dunha ferramenta máis para facer fronte á violencia contra as mulleres e para ofrecer ás vítimas a atención psicolóxica, xurídica e social que merecen. Unha atención que se suma á que ofrecen os máis de 80 Centros de Información á Muller (CIM) para dar servizo a 200 concellos, e diversas entidades sociais, a través de convenios co Goberno galego.

Ademais, os principais festivais de Galicia contarán este verán con Puntos lila e arcoiris, con actividades para promover a igualdade, e con atención continuada de psicólogas e sexólogas, para previr e actuar ante posibles agresións sexuais e ofrecer a asistencia axeitada ás vítimas.

3 de xullo de 2024 | 15:13 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario