publicidade hoxe

O rap feminista en galego de Flow do Toxo e a psicodelia pop de Naked Family soben esta semana ao escenario de ‘Atardecer no Gaiás’

A Cidade da Cultura volve ser escenario para a mellor música en directo esta semana coas actuacións de Flow do Toxo e Naked Family en Atardecer no Gaiás. As rapeiras da bisbarra do Condado soben mañá xoves ao escenario para montar unha festa reivindicativa que defende o rural e a diversidade. O venres será a banda Naked Family quen invoque o baile cunha proposta que conecta a psicodelia dos 70 co futuro da música pop. O ciclo, impulsado pola Xunta de Galicia, forma parte da campaña CulturON da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que programa máis de 30 actividades diarias para todos os públicos en toda a xeografía galega.

Todos os concertos de Atardecer no Gaiás son ás 21,00 horas na Praza central da Cidade da Cultura, con entrada libre e de balde, durante todos os xoves e venres de xullo e agosto (agás o 25 e 26 de xullo). No caso de que as condicións meteorolóxicas non permitan actuar ao aire libre, a organización ten prevista unha alternativa ao enxoito para poder gozar da música en vivo.

O ciclo, que volve contar co apoio de Cervezas Alhambra, inclúe nesta edición un total 16 citas musicais nos que teñen cabida artistas de estilos e traxectorias diversas, desde o neo-tradi ao pop, a música urbana e os ritmos tropicais, e tamén a psicodelia e a electrónica. Ademais, o programa destaca na súa aposta polo talento galego, con sete grupos —De Ninghures, Flow do toxo, A Pedreira, Amoebo, Alana, ALARIDO e Santi Araújo— que dan mostra da variedade e bo momento da produción musical do país.

10 de xullo de 2024 | 14:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.