O mercado de música entre Galicia e Portugal avanza as 12 propostas artísticas que se presentarán en setembro
O Encontro Profesional de Música Galiza-Portugal, MUMI, avanzou hoxe as primeiras confirmacións do programa profesional para a súa quinta edición, que conta co apoio da Xunta de Galicia para integrar unha selección de 12 bandas e artistas de diversidade estilística e que comparten en moitos casos as músicas de raíz como fonte. Trátase dun feixe de propostas de alta calidade, onde estarán representadas a música tradicional, o folk, o rock, a electrónica, as músicas urbanas, a canción de autoría, ou propostas musicais da vangarda mais contemporánea, que dan boa conta do gran momento creativo que viven os dous territorios.
Así o sinalou esta mañá o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, na Pousada da Fortaleça de Valença do Minho durante a presentación do primeiro avance de programación do evento que terá lugar do 12 ao 15 de setembro na eurocidade Tui-Valença. No acto, no que participaron representantes do resto de institucións implicadas e da organización do MUMI, Sutil destacou a importancia estratéxica deste mercado para o sector musical galego que ten en Portugal un territorio natural para internacionalizar as nosas músicas coa facilidade que supón a proximidade lingüística, cultural e xeográfica, “o que nos axuda a tecer sinerxías e que pode facer moito máis fortes e produtivas as industrias musicais de ambos países”, expresou.
Coa Fira Mediterrània de Manresa
O representante da Consellería de Cultura tamén celebrou a continuidade do acordo de colaboración iniciado na pasada edición coa Fira Mediterrània de Manresa, un dos mercados de referencia para as músicas que utilizan a raíz, a tradición e a cultura popular como motor creativo. Grazas a este intercambio, o MUMI presentará o traballo da banda catalá El Pony Pisador, co directo do seu novo álbum Ocells.
A súa vez, a Fira recibirá na súa próxima edición, en outubro, a proposta galega de Mondra, escollida entre as participantes na anterior edición do MUMI dentro da alianza entre as dúas feiras. O acordo de colaboración asinado entre a Fira e a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia financiará a participación da devandita banda galega, que terá a oportunidade de realizar un showcase para presentar o seu traballo A folía das ardentes neste importante mercado onde se dan cita programadores de todo o mundo. Ademais de Mondra e fóra do marco do MUMI, a Manresa 2024 acudirán tamén co patrocinio da Xunta Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre e Nova Galega de Danza.
Diversidade e experimentación
Despois do proceso de selección tralo éxito de convocatoria, que se pechou cun total de 242 propostas artísticas candidatas para os showcases, o MUMI anunciou hoxe a selección de bandas e artistas que van configurar o programa profesional. Seis formacións de Galicia e cinco de Portugal amosaranlle ao público, profesional e tamén xeral, a diversidade de propostas musicais que conviven na escena actual. Pola banda galega presentaranse os directos de Alana, Amoebo, Os D’Abaixo, Quico Comesaña, Ruxe Ruxe e Su Garrido Pombo; mentres Portugal achegará as propostas de Cardo-Roxo, Jhon Douglas, Miss Universo, Rogério Cardoso e Surma.
Desde o equipo organizativo destacan que a diversidade continúa a ser a palabra clave na música ao vivo que vai ofrecer o MUMI 2024, cun mosaico de bandas e artistas que responden á riqueza das escenas galega e portuguesa. Das novas incursións na música tradicional á electrónica, pasando polas vangardas contemporáneas, as músicas urbanas ou a canción de autoría, as actuacións programados recollen a efervescencia musical que bule a ambas beiras do Miño cunha presencia destacada dos sons que experimentan a partir da música de raíz. Son 11 propostas de bandas e artistas entre as que se atopan tanto emerxentes como traxectorias consolidadas.
Abertas as inscricións profesionais
As inscricións profesionais para o MUMI continuarán abertas a través da páxina mumimusicas.eu sen ningún tipo de custe e ata a propia data do evento para facilitar a asistencia das persoas interesadas en manter sesións de traballo conxunto dentro do espazo destinado aos encontros rápidos entre profesionais. Artistas, axencias, empresas, especialistas en xestión cultural, responsables de programación, xornalistas e público xeral daranse cita neste evento xunto a outras propostas musicais, aínda por anunciar, que serán convidadas a participar no encontro.