O goberno galego destinará máis de 40.000 euros a mellorar o tellado da escola infantil pública autonómica de Vite

Fabiola García na visita á escola infantil
A Xunta de Galicia destinará 43.000 euros para realizar obras de mellora no tellado da escola infantil pública autonómica de Vite. É unha das moitas actuacións que se realizarán neste tipo de centros aproveitando o verán, para interferir o menos posible na súa actividade. En total, o Goberno galego investirá 3 millóns de euros na posta a punto de escolas infantís durante o período estival.
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, que visitou esta mañá a escola infantil de Vite, lembrou que o curso que vén será o terceiro no que a Xunta financiará integramente a etapa de 0 a 3 anos nestes centros. O Goberno galego destina 60 millóns de euros á gratuidade das escolas infantís, tanto nas públicas –municipais ou autonómicas–, como nas privadas e as de entidades sociais. Unha medida que beneficia a máis de 32.000 familias cun aforro anual medio de máis de 3.000 euros.