publicidade hoxe

O goberno galego apoia con 90.000 euros tres microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior

A Xunta destina 90.000 euros a financiar tres microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior, segundo a resolución da orde de subvencións destinada a este fin.

A convocatoria, realizada en réxime de concorrencia competitiva, ten como beneficiarias tres organizacións non gobernamentais. En concreto, as entidades que recibirán axudas son Cooperación Internacional, Asociación CIDEL Galicia e a Asociación Integral de Rescate de Emergencias- AIRE.

Os proxectos impulsados polo Goberno galego desenvolveranse en Guatemala, na República Dominicana e nos campamentos saharauís en Alxeria. Realizaranse accións para impulsar a inserción laboral de mozos e mozas en situación de vulnerabilidade de cara a limitar a emigración, para mellorar o liderado comunitario xuvenil e para fortalecer a Protección Civil Saharauí.

Enténdese por microproxectos aquelas intervencións puntuais, de limitada intensidade, de duración non superior aos 12 meses e que teñan por obxecto fortalecer e/ou complementar outras actuacións levadas a cabo por axentes de cooperación no mesmo territorio. A Xunta financia ata o 95% do orzamento total de cada iniciativa ata un máximo de 30.000 euros. O período de execución é dun ano, desde o pasado xaneiro ata o 31 de decembro de 2024.

Gastos subvencionables

Entre os gastos subvencionables figuran tanto os directos imprescindibles para poñer en marcha e a execución da intervención, como os custos de aluguer, construción ou reforma de inmobles e infraestruturas necesarios para levar a cabo a iniciativa; equipos informáticos e outro material e equipamento vinculado á actividade; gastos de persoal; servizos técnicos e profesionais; viaxes e aloxamentos; ademais de gastos financeiros, de asesoría xurídica e rexistrais e periciais. Tamén se inclúen os gastos correntes de funcionamento no país onde se execute o microproxecto.

Esta convocatoria de microproxectos fora publicada anteriormente entre os anos 2008 e 2015, e recuperouse no 2023, a solicitude do sector. Cómpre lembrar que a Xunta conta con outra liña de axudas anual para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos por axentes de cooperación, dotada con 6 millóns de euros.

29 de xullo de 2024 | 14:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.