publicidade hoxe

O Festival Mar Aberto volve como proposta turística do verán con seis concertos en faros e lugares patrimoniais

Xosé Merelles na presentación dunha nova edición

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou hoxe a nova edición do festival Mar aberto, concertos na fin da terra, organizado por Turismo de Galicia e que este ano volve como proposta turística do verán con seis concertos en faros e lugares patrimoniais. Como salientou, o programa inclúe dous concertos no Faro de Corrubedo, outros dous no Faro Punta da Barca de Muxía e finalmente, outros dous no Castelo de San Felipe en Ferrol. As citas serán o 26 e 27 de xullo, en Ribeira, o 2 e 3 de agosto en Muxía e o 9 e 10 de agosto en Ferrol.

“Galicia vibra en cada recuncho coa música e espectáculo en todas as súas facetas”, afirmou o director de Turismo de Galicia durante a presentación antes de salientar os festivais como “as citas por excelencia dun verán que se presenta con moitas expectativas para o sector”, expresou. Como indicou, este festival é unha proposta “diferenciada e única” por tratarse de concertos “íntimos e exclusivos en lugares especiais e para todos os públicos”, que vén avalado polo éxito das tres edicións anteriores con cifras como as máis de 2.000 persoas que participaron o ano pasado.

Música en espazos singulares

Así, a programación do festival comezará o 26 e 27 de xullo no Faro de Corrubedo, onde actuarán Ute Lemper, Céu, Marem Ladson e Brais Moran & Nasaufunk.

A seguinte cita será no Faro Punta da Barca de Muxía os días 2 e 3 coa música de Mercedes Peón, Budiño, Mondra e Zeltia Irevire, para rematar no Castelo de San Felipe, en Ferrol o 9 e 10 de agosto coas actuacións de María José LLergo, _juno, Pamela Rodríguez e Lua de Santana.

O público poderá gozar de todo este programa totalmente de balde e deberán facer as súas reservas na web www.festivalmaraberto.com desde o xoves 4 de xullo ás 20,00 horas.

3 de xullo de 2024 | 15:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.