López Campos pon en valor o papel dos neofalantes para fomentar o uso do galego entre a mocidade
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou o papel do neofalantismo dentro da estratexia lingüística da Xunta para fomentar o uso da nosa lingua entre a xente máis nova. Por este motivo, puxo en valor hoxe a sinatura da renovación do convenio do departamento que dirixe coa Universidade de Santiago de Compostela, dotado con 80.000 euros, e que ten como obxecto tirar o máximo proveito destas potencialidades non só en materia de lingua, senón tamén en emprego xuvenil.
Tras a sinatura esta mañá do convenio con reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, o conselleiro precisou as actuacións que se desenvolverán ao longo de tres anos ao redor do neofalantismo, referido ás persoas que tiveron o castelán ou outro idioma como primeira lingua acaban incorporando o uso do galego.
Trátase, tal e como apuntou, dun proceso “relativamente emerxente con innegables posibilidades de futuro na dinamización da nosa lingua”, sobre todo entre a mocidade tanto da nosa comunidade como entre as persoas que veñen doutros territorios de fóra de Galicia e que se incorporan á nosa realidade cultural e sociolingüística.
Incrementar o uso do galego nos espazos onde se move a mocidade
López Campos explicou que esta colaboración coa Universidade de Santiago abrangue os obxectivo do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade que ten en marcha o Goberno galego “e co que se pretende mostrarlle á xente nova a utilidade de coñecer o galego e potenciar así o seu uso neste colectivo”.
Deste xeito, puxo en valor que supón medidas dirixidas “a incrementar a súa presenza nos espazos nos que se move a mocidade”, así como a oferta de actividades e produtos en galego “en áreas como a tecnoloxía, o lecer, a cultura, o ensino ou o emprego”.
Novas accións coa renovación: redes sociais e incorporación do colectivo emigrante
O titular de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta lembrou que a colaboración neste eido coa Universidade de Santiago de Compostela comezou en 2021 a través do Grupo de Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación co recurso web www.neofalantes.gal, un portal de noticias que sirva de nexo de unión da comunidade neofalante en galego.
Deste xeito, informou que, con este novo convenio, se lle dará continuidade ao proxecto neofalantes.gal, incorporando novos usuarios das redes sociais co obxecto de seguir impulsando o uso da lingua galega entre a mocidade.
Nesta liña de reforzar as súas accións, concretou que se crearán novos contidos, vídeos e entrevistas co fin de abrir vías de colaboración e captación de novos usuarios para a rede social. Tamén está previsto engadir unha canle empresarial e de emprego asociada a este portal web coa idea de atraer ao colectivo de persoas emigrantes, empresas interesadas e tamén ao tecido socioeconómico do mundo lusófono.
Finalmente, salientou que se potenciarán as investigacións académicas, premios multimedia, unidades didácticas e encontros sobre o fenómeno do neofalantismo.