Licitadas as obras de urbanización do polígono 2 de San Paio de Navia cun investimento de máis de 16 millóns
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, anunciou este xoves que a Consellería de Vivenda e Promoción de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), autorizou a contratación da obra de urbanización do polígono 2 (Fases A e B) do plan parcial de Navia cun investimento de 16.368.975,04 euros. Así o fixo durante unha visita ao barrio vigués onde xa están en marchas as obras do polígono 1, con remate previsto para a primavera do ano 2025.
“A ampliación de Navia é un exemplo das políticas de vivenda da Xunta, un dos obxectivos centrais do Goberno galego, que se comprometeu a duplicar o parque de vivenda público nesta lexislatura”, sinalou Ortiz. A representante autonómica incidiu en que “a política de vivenda é clave no futuro de Galicia, por iso seguiremos protexendo aos propietarios, eliminando trabas e priorizando aos galegos e galegas”.
A delegada explicou que o Consello da Xunta do pasado 1 de xullo autorizou a licitación da obra de urbanización do polígono 2 da ampliación de San Paio de Navia, que ten unha superficie total de 106.361 metros cadrados e prevese que poida acoller un total de 719 vivendas, todas protexidas. Desta forma, na Fase A, con 44.538 metros cadrados, haberá 337 vivendas, e na Fase B, con 61.823 metros cadrados, serán 382 vivendas.
En canto á dotación de aparcamentos, para o conxunto do polígono 2 proxéctanse 311 prazas de aparcamento público e 10 para persoas de mobilidade reducida, correspondendo 180 (6 PMR) para a Fase A e 131 (4 PMR) para a Fase B. Ademais, Ortiz explicou que en relación á mobilidade ciclista, habilitarase un carril ciclista en colindancia coa calzada para facilitar a transición.
Ampliación do PAU de Navia
A Xunta xa aprobou tamén o pasado 9 de xullo dar luz verde á contratación das obras de construción de 58 novas vivendas de promoción pública no polígono 1 de San Paio de Navia, ás que se destina un investimento autonómico de máis de 13 millóns de euros.
Con esta nova contratación, impulsouse o sétimo grupo de vivendas que a Xunta licita neste barrio vigués de Navia. Cos dous grupos que autorizou o Executivo autonómico, que totalizan 58 vivendas, resultan na primeira fase da ampliación un total de 259 vivendas de promoción pública que se construirán neste polígono. A estas vivendas se engadirán outras 100 vivendas de promoción pública que están programadas.
Cómpre lembrar tamén que a finais do ano pasado comezaron as obras de urbanización do polígono 1 de San Paio, e co obxectivo de que estas vivendas poidan ser unha realidade o antes posible, se desenvolverán de forma paralela aos traballos construtivos dos edificios residenciais.
A Xunta continua traballando no obxectivo de reforzar o parque residencial da cidade de Vigo, habilitando solo no polígono 1 de San Paio de Navia, que permitirá a construción dun total de 733 vivendas.