publicidade hoxe

Galicia e as rexións europeas debaten sobre o impacto da futura ampliación da UE na política rexional

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia no encontro da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR) que se celebrou hoxe en Vilna, na capital de Lituania. Entre os tres debates que tiveron lugar nesta xornada, destacou o relativo á dimensión rexional e local da futura ampliación da Unión Europea, centrado particularmente no seu impacto no futuro da política de cohesión.

O intercambio de puntos de vista entre as rexións europeas a este respecto estivo enmarcado no actual cambio de ciclo institucional, xa que será tras o inicio do novo mandato das institucións europeas cando teña lugar a revisión das políticas previas á ampliación. Neste contexto, o CdR traballa nun estudo sobre a preparación da ampliación dende unha perspectiva territorial. Ademais, os seus membros avogan pola intensificación da actividade dos comités consultivos mixtos existentes e pola creación doutros novos para Ucraína, Moldavia e Albania.

Na reunión abordouse tamén o papel das rexións e municipios na estratexia da Unión Europea para África, posta en marcha en 2020 co obxectivo de forxar unha asociación entre os dous continentes equilibrada e baseada no beneficio mutuo e nos valores comúns. Durante o debate sobre un documento de traballo previo a un ditame de propia iniciativa, os membros da CIVEX reivindicaron unha maior implicación das autoridades subnacionais no desenvolvemento daquelas prioridades da Asociación África-UE cun impacto territorial.

Tal e como sinalou o director xeral e como se recolle na Estratexia Galega de Acción Exterior, Galicia ten a súa propia folla de ruta para as relacións co continente africano, particularmente coa África lusófona e Guinea Ecuatorial en eidos como a pesca.

Galicia nas comisións CIVEX e NAT do CdR

No actual mandato 2020-2025 do Comité Europeo das Rexións, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria e cidadanía, canalizando así a voz das rexións e municipios europeos para o reforzo da democracia europea.

Ademais da futura ampliación da UE e das relacións UE-África, na reunión tamén foron obxecto de debate os resultados das eleccións europeas celebradas o pasado xuño.

8 de xullo de 2024 | 15:00 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario