Galicia avanza na desestacionalización cun crecemento do 5% no número de viaxeiros aloxados nos cinco primeiros meses do ano
O turismo galego continúa a avanzar de xeito positivo tanto en número de viaxeiros, noites e rendibilidade. Os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) indican que nos cinco primeiros meses do ano Galicia rexistrou máis de 2,1 millóns de viaxeiros aloxados e máis de 3,5 millóns de noites no conxunto do aloxamento turístico. Isto supón un incremento do 5% no número de viaxeiros e do 2% no de noites.
Trátase de número de viaxeiros e de noites máis altos da serie histórica neste período. É ademais o segundo ano consecutivo no que o nivel de demanda dos primeiros cinco meses supera a barreira dos 3 millóns de noites. No acumulado a maio Galicia colócase como o oitavo destino máis importante do Estado situándose por detrás de Canarias, Andalucía, Cataluña, a C. Valenciana, Baleares, Madrid e Castela e León.
Tamén neste período o 80% da demanda corresponde ao segmento hoteleiro mentres que o 20% restante fica no aloxamento extrahoteleiro (albergues, establecementos de turismo rural, cámpings…). Neste sentido destaca especialmente o comportamento do turismo rural, que medra nestes cinco primeiros meses do ano, cun incremento dun 5% en viaxeiros e un 6% en noites.
Desde o punto de vista dos mercados, destaca o comportamento do internacional que supuxo nestes meses o 35% da demanda turística e medra a un ritmo do 9% con máis de 1,2 millóns de pernoitas, máximo da serie histórica deste período de cinco meses.
Estes datos cuantitativos veñen acompañados por un bo avance desde o punto de vista económico para o sector hoteleiro. Segundo os datos do INE, nos cinco primeiros meses mellorou a rendibilidade hoteleira (hoteis e pensións) nun 7% e se estima que o sector hoteleiro tivo uns ingresos totais nominais de 114,4 millóns de euros, cifra que supera nun 8,7% o ano pasado.