publicidade hoxe

Catro centros tecnolóxicos recibirán case 8 M€ da Xunta para mellorar as infraestruturas de investigación e ensaio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, mantivo hoxe un encontro con representantes de catro centros tecnolóxicos para dar conta do apoio do Goberno galego aos seus proxectos de mellora de infraestruturas de investigación e ensaio, acadando os case 8M€. Concretamente, o titular de Ciencia reuniuse cos centros tecnolóxicos CTAG e AIMEN, con sede en Porriño, Gradiant, localizado en Vigo, e CETIM, de Culleredo.

Con esta liña de axudas, a Xunta apoia a creación e ampliación das infraestruturas de investigación e experimentación destes centros galegos, cubrindo desde a adquisición de terreos e equipamento ata a construción ou ampliación de edificacións e activos inmateriais. “Con estas axudas queremos contribuír ao fortalecemento e ampliación das capacidades científico-tecnolóxicas destas entidades”, sinalou Román Rodríguez.

Durante o encontro, o representante do Goberno autonómico explicou que o obxectivo conxunto é “acadar unha I+D+i pioneira capaz de atraer talento e investimento privado, mellorando o posicionamento galego a nivel internacional, así como facilitar o seu crecemento, excelencia e actividades cara ao tecido produtivo”. Ademais, os proxectos están orientados á xeración de capacidade nos ámbitos estratéxicos da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, evitando solapamentos coas infraestruturas xa existentes e favorecendo sinerxías entre elas.

Cada solicitude inclúe un plan de explotación adaptado ao tipo de infraestrutura que permitirá comprobar a sustentabilidade financeira das mesmas e estimar o seu impacto potencial no ecosistema galego de innovación. A intensidade dos apoios é a máxima permitida para este tipo de axudas, o 50%, cofinanciadas con fondos europeos no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

Infraestruturas apoiadas

O CTAG, que obtén unha axuda de 4M€, realizará un investimento de 8M€ en infraestruturas de investigación asociadas ás liñas de investigación da mobilidade autónoma, conectada, segura e ecolóxica que caracterizan o futuro da industria do automóbil.

No caso de AIMEN, que recibirá algo máis de 3,2M€ e contará cun investimento total de 6,4M€, construirase un novo centro de fabricación intelixente, onde se lanzarán novas liñas de infraestruturas singulares de fabricación avanzada e sustentable e de dixitalización punteiras en ámbitos de grande impacto para Galicia como o transporte, a enerxía e a construción, así como reforzar e fortalecer as xa existentes.

Gradiant cun apoio duns 263.000 euros, ten como obxectivo a adquisición e posta en marcha dunha infraestrutura de investigación e computación a baixa escala para a realización de actividades de I+D en tecnoloxías de alto impacto e potencial de aplicación en diversos ámbitos, cun orzamento total de preto de 526.000 euros. En concreto, ditas actividades propoñen a investigación en tecnoloxías cuánticas, micro-nanoelectrónica e fotónica, computación confidencial, análise multimedia, tecnoloxías da linguaxe e, en xeral, intelixencia artificial aplicada.

O CETIM recibirá unha axuda de preto de 442.000€ dos 883.000€ que vai investir na mellora da súa excelencia científica e de investigación no eido da Economía Circular a través do proxecto ‘Circular Excellence CETIM’. Focalizará os seus esforzos nos seis ámbitos de investigación estratéxica do centro: baterías, augas, hidróxeno verde, polímeros sustentables, materiais de construción sustentable e industria sustentable.

Mantemento de 516 postos de traballo

Esta terceira convocatoria permitirá mobilizar ao redor de 16M€ contribuíndo ao mantemento de 516 postos de persoal altamente cualificado. En total, a través das tres convocatorias desta liña de axudas (2018, 2020 e 2024) téñense apoiado 19 proxectos con axudas por importe de 17M€, mobilizando 35M€. Pero non son as únicas axudas a centros tecnolóxicos, desde o 2009 a Xunta de Galicia leva destinados un total de 207M€ de apoio.

Estas infraestruturas ocupan unha posición destacada no ecosistema galego de I+D+i, pois “o seu papel é esencial na transformación da economía polo seu potencial para xerar vantaxes competitivas no tecido empresarial”, concluíu o conselleiro de Ciencia.

5 de xullo de 2024 | 15:35 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario