As descargas dos máis de 16.000 bonos turísticos da Xunta esgótanse en menos de quince días
As descargas dos máis de 16.000 bonos turísticos da Xunta esgotáronse na xornada de hoxe, menos de quince días despois de que se abrise o prazo para que os galegos comezasen a facerse con el. O interese do Bono Turístico da Xunta xa se deixou notar desde os primeiros días, cun centenar de bonos turísticos emitidos por minuto nas primeiras horas e cun balance de preto da metade dos bonos descargados o primeiro día. Son bonos en formato código QR cun importe de 150€, cofinanciados nun 40% pola Xunta de Galicia en nun 60% polas persoas que o solicitaron (os particulares abonarán, polo tanto, 90€ para contar cun bono por valor de 150€).
Nesta edición, como novidade, cada usuario podía descargar ata dous bonos, polo que poderá contar cun investimento de ata 300€ para gozar dunha estadía o vindeiro outono nalgún dos establecementos que se adhiran. Os beneficiarios poderán empregar os seus bonos desde o 10 de setembro ata o 25 de decembro de 2024, ambos incluídos.
O prazo para que as empresas se adhiran continúa aberto ata o videiro 2 de decembro. Neste sentido, a día de hoxe xa forman parte da campaña deste ano máis de 350, entre establecementos de aloxamento e axencias. As empresas interesadas en sumarse poderán facelo tamén a través da páxina web www.bonoturismo.gal.
Fóra de temporada
A iniciativa -que naceu no contexto da pandemia para dinamizar o consumo turístico e inxectar liquidez ás empresas do tecido turístico galego- está consolidándose como una proposta que impulsa a actividade fóra de temporada alta e contribúe a apoiar o sector.
Nestes catro anos puxéronse en circulación máis de 47.000 bonos turísticos e mobilizáronse máis de 14M€: deles, durante a pandemia foron máis de 10M€ (5M€ co bono turístico sociosanitario e 5,8M€ no ano 2021), aos que se suman os 3M€ nos últimos dous anos.