Adxudican por máis de 5,7 millóns de euros a execución das obras da senda que unirá Pontevedra con Marín
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de adxudicar por 5.732.193 euros a execución das obras da senda que unirá Pontevedra con Marín, na coñecida como a estrada vella de Marín, no treito Mollavao-Praceres.
Esta intervención, adxudicada á Unión Temporal de Empresas UTE S0S.A.U-Oresa Construcción y Servicios Globales S.L., posibilitará habilitar un itinerario de 3,5 quilómetros de lonxitude pola marxe dereita da PO-546, cun ancho que oscila entre os 2,5 e os 4 metros, que se complementará cun aparcadoiro, un miradoiro e un parque infantil.
O contrato asinarase nas vindeiras semanas e o obxectivo e iniciar as obras no inicio do outono. Os traballos contan cun prazo de execución de 18 meses.
As obras obxecto do contrato que se vén de adxudicar prestarán especial coidado á seguridade e obrigará a reducir a velocidade dos vehículos, grazas á glorieta que se construirá á altura do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán.
Esta glorieta facilitará, ademais, o cambio de sentido dos vehículos que proceden de Marín e que queren acceder ao aparcadoiro disuasorio, tipo carpooling, que se está construíndo apoiándose na traza da propia senda, na contorna do quilómetro 2+800 da PO-546.
Na obra incluirase a mellora tamén das paradas de transporte público, así como na renovación da iluminación do treito e a construción de dúas pasarelas, unha de máis de 120 metros sobre o rego de Louriñas e outra de 45 metros sobre O Sartán. Esta actuación complementase coas obras xa executadas na mesma PO-546 tanto no treito urbano de Marín, coma en Estribela, Pontevedra.
Este contrato conta con cofinanciación da Unión Europea, con fondos do Programa Galicia FEDER 2021-2027.