A Xunta publica a orde de axudas a concellos para habilitar vivendas para persoas sen fogar
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a novidosa orde de axudas a concellos para habilitar vivendas para persoas sen fogar. O orzamento desta liña de subvencións é de 5,7 millóns de euros, financiados con fondos europeos procedentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
Esta orde sufragará tanto as obras de rehabilitación como o equipamento de vivendas que os entes locais destinen a persoas sen fogar. O importe máximo por proxecto será de 72.000 euros: 47.000 para os traballos de reforma e acondicionamento, e 25.000 para o equipamento. Financiaranse as actuacións realizadas no período comprendido entre o 1 de xaneiro deste ano ao 31 de outubro de 2025.
O obxectivo é rehabilitar e equipar entre 80 e 100 vivendas a través destas axudas. Unha vez que a convocatoria se publique no Diario Oficial de Galicia, os concellos interesados terán un mes de prazo para presentar as súas solicitudes.
Galicia foi pioneira na atención ás persoas sen fogar coa posta en marcha dun plan específico para elas que o Executivo autonómico desenvolveu da man das administracións locais e de entidades de iniciativa social. Este plan dedícalle unha especial atención á área de vivenda, fixándose como obxectivo que as persoas sen teito conten cun fogar como paso inicial e básico para a súa reinserción social.