publicidade hoxe

A Xunta pon en valor a importancia da cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea puxo en valor hoxe no Parlamento galego a actividade da oficina de cooperación transfronteiriza da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Así, sinalou que esta oficina executa as políticas acordadas entre a Xunta e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte de Portugal, no marco da Comunidade de Traballo Transfronteiriza creada en 1991.

O director xeral explicou que esta entidade, regulada polo Dereito Comunitario Europeo, creouse en 2010 co obxectivo de dinamizar a cooperación e contribuíu a consolidación dunha Eurorrexión entre Galicia e o Norte de Portugal.

Segundo Jesús Gamallo, a AECT ten un dobre cometido. Por unha banda, participa na elaboración de plans estratéxicos como o documento de Impulso á Cooperación de Proximidade, aprobado trala pandemia da covid-19, o Plan de Investimentos Conxuntos (PIC) que prioriza os investimentos na eurorrexión utilizando fondos europeos, ou a elaboración da RIS3T, a Estratexia de Especialización Intelixente en Innovación, compartida por ambas rexións e única no marco europeo.

Por outra banda, a AECT xestiona proxectos concretos que contan con financiamento comunitario como o programa Iacobus de intercambio universitario, ou o Nortear para a cooperación cultural, no campo do hidróxeno verde ou da industria aeronáutica.

Nestes momentos, a entidade traballa en iniciativas como un Estatuto para os traballadores transfronteirizos, que será presentado aos gobernos de España e Portugal no próximo Cumio Ibérico, ou a posta en marcha dun clúster de turismo na eurorrexión.

Finalmente, o director xeral lembrou a esencial participación desta entidade no acto de sinatura e presentación aos axentes sociais de cooperación dun manifesto en favor do tren de alta velocidade entre A Coruña e Lisboa, celebrado o día de onte.

3 de xullo de 2024 | 15:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.