publicidade hoxe

A Xunta licita por 300.000 euros as obras de ampliación da rede de saneamento da Torre Vella, en Cerdedo-Cotobade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoCotobadeLocal PortadaPontevedraPortada dereita
A-
A+

A Xunta está a licitar as obras de ampliación da rede de saneamento da Torre Vella, no concello de Cerdedo-Cotobade, por importe de arredor de 300.000 euros co obxectivo de ampliar e completar o servizo nos núcleos de Covas, A Torre Vella e Río Tenorio.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe a zona, onde destacou que esta actuación se enmarca no convenio de colaboración asinado a comezos de ano entre Augas de Galicia e o Goberno local por importe de preto de 380.000 euros para as anualidades 2024 e 2025. Os traballos previstos contan con ata o 60% de financiamento europeo a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

As obras permitirán conectar os núcleos de Covas, A Torre Vella e Río Tenorio á rede de saneamento dando continuidade a outras actuacións realizadas recentemente na zona como a execución dunha estación depuradora na parroquia de Tenorio -con capacidade para tratar as augas residuais duns 1.000 habitantes- e o desenvolvemento da rede de saneamento no núcleo da Torre Vella.

Deste xeito, a posta en marcha das novas instalacións de depuración e saneamento permitirán tratar as augas residuais dos núcleos de Covas, A Laxe, Lérez, A Torre Vella, Barro, Zamar, Río Tenorio e O Castro.

A responsable autonómica incidiu en que a conexión á rede deses tres núcleos pendentes requirirá da execución de seis tramos de colectores que suman arredor de 900 metros de tubaxes que darán servizo a unha poboación de 390 habitantes equivalentes no horizonte de 2046. Eses novos tramos conectarán con 38 novos pozos de rexistro que se van construír e será necesario tamén repoñer os servizos e firmes da estrada N-541 que se verán afectados polas obras.

Ángeles Vázquez explicou que a previsión é que ese contrato se adxudique a comezos de 2025 e que os traballos sobre o terreo comecen no segundo trimestre dese ano. Cun prazo de execución de seis meses, agárdase que as actuacións estean rematadas na última parte do próximo exercicio.

Esta é unha das actuacións incluídas nos orzamentos do Executivo galego para este ano, que mobilizará un total de 85 millóns de euros en distintas actuacións de saneamento e depuración de augas -incluíndo a explotación de 27 depuradoras cuxa xestión foi cedida á Xunta polos concellos- e 23 millóns de euros na mellora dos sistemas de abastecemento municipais.

Metas ODS

Nesta liña, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático incidiu en que este esforzo contribúe a que Galicia avance a bo ritmo cara ao cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) marcados a nivel global pola chamada Axenda 2030, situándose xa en todos eles por riba dos resultados a nivel nacional.

De feito, no caso do apartado de Auga limpa e saneamento (ODS número 6) experimentou avances notables dándose por conseguida esta meta grazas a medidas impulsadas pola Xunta como os Plans de xestión da auga de Galicia para acadar servizos de subministración e depuración axeitados e equitativos ou outros documentos de planificación para facer fronte a aspectos como a seca, o risco de inundacións ou o aproveitamento hidroeléctrico dos recursos naturais.

3 de xullo de 2024 | 15:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.