A Xunta garante a calidade, a eficiencia e a seguridade asistencial en Galicia co novo Plan de Inspección dos servizos sanitarios 2024-2027
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica na súa edición de hoxe a orde pola que se aproba o Plan de Inspección dos servizos sanitarios para o período 2024-2027.
Deste xeito, a Subdirección Xeral de Inspección de Servizos Sanitarios garantirá os dereitos dos pacientes e usuarios atendidos no sistema sanitario galego, incidindo nos criterios de eficiencia, calidade e seguridade asistencial.
Entre outras medidas, a Subdirección Xeral de Inspección de Servizos Sanitarios velará polo control e supervisión das prestacións e actividades sanitarias, ademais de realizar unha avaliación constante dos centros, servizos e establecementos sanitarios da nosa comunidade.
O novo plan da Consellería de Sanidade establece entre os seus aspectos prioritarios a tutela dos dereitos sanitarios dos pacientes, prestando especial atención á tramitación de reclamacións e suxestións presentadas pola cidadanía en relación coa asistencia sanitaria recibida e ás condicións de funcionamento dos centros.
Así mesmo, recolle a realización de auditorías de xestión dos establecementos sanitarios privados e concertados co Servizo Galego de Saúde e tamén porá o foco naqueles procesos de inspección destinados á avaliación das incapacidades temporais.
O novo Plan de Inspección dos servizos sanitarios da Xunta incorpora novidades como: a avaliación da xestión do transporte sanitario, a revisión do cumprimento dos requisitos técnico-sanitarios de centros de medicina estética, centros de reprodución humana asistida e actividades realizadas coa utilización de células e tecidos, e, no ámbito dos medicamentos e produtos sanitarios, o control dos requisitos para a preparación e entrega de medicamentos en sistemas personalizados de dosificación.