A Xunta continúa reforzando os vencellos sociais e culturais coa mocidade galega do exterior
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañados do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez, e da directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitaron hoxe aos mozos e mozas participantes no Programa Conecta con Galicia 2024, onde os descendentes de galegos teñen a oportunidade de poñerse en contacto coas súas raíces.
A presente edición de Conecta con Galicia, promovida pola Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, inscríbese dentro da segunda quenda do campamento Actividades do Mar, no que participan 150 rapaces no albergue xuvenil de Gandarío. Do total, 38 son os menores que veñen de fóra de Galicia e proceden de Arxentina, Uruguai, Brasil, Venezuela e Suíza. Ademais, hai outros 25 cativos de Madrid que pertencen ao programa de intercambios bilaterais entre comunidades autónomas.
O obxectivo da iniciativa é facilitarlle á mocidade descendente de emigrantes galegos do exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares. O programa, que se desenvolverá ata o 29 de xullo, está destinado a mozos e mozas de entre 16 e 18 anos, aos que se lles ofrece a oportunidade de que veñan a un campamento para realizar actividades lúdicas, deportivas, visitas culturais e, tamén, a empresas punteiras, co obxectivo de que coñezan a terra de orixe dos seus devanceiros. A programación inclúe, entre outras moitas actividades, unha visita á Catedral e á cidade de Santiago; ao Museo Provincial e á cidade de Lugo; ás Illas Cíes; ou unha ruta en catamarán pola Ribeira Sacra.
Durante a visita de hoxe, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude sinalou a importancia da iniciativa por ser “un programa no que xa participaron máis de 9.000 mozos e que leva unha trintena de anos reforzando os vencellos sociais e culturais coa mocidade galega do exterior”. Así, López Campos puxo en valor “este tipo de propostas que axudan á mocidade a coñecer as súas raíces e achegarse a tres eidos fundamentais a nosa identidade: o mar, o Camiño de Santiago e a nosa cultura”.
Neste senso, o representante de Cultura da Administración autonómica explicou que este programa está enmarcado na campaña O teu mellor verán que ten en marcha a Xunta de Galicia con 7.611 prazas para nenos e nenas de 9 a 17 anos, que completan a suma das 11.533 que promove o Goberno galego. “Trátase dunha iniciativa que é xa un referente para todo o Estado, pola calidade e cantidade de actividades que se ofertan á mocidade”, sinalou López Campos.
Compromiso coa mocidade do exterior
Durante a visita, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González. destacou o importante papel desta iniciativa para tender pontes coa emigración galega e de que coñezan as oportunidades formativas e laborais que lles ofrece a Comunidade aos galegas e galegas retornados, entre as que destacou iniciativas impulsadas pola Xunta como as 250 Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME), destinadas a descendentes de galegos de alta cualificación.
Nesta liña, tamén puxo en valor a importancia da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, no marco da cal se impulsan un cento de accións orientadas á integración sociolaboral dos que deciden retornar á Comunidade, ben como emprendedores ou ben como traballadores.
O titular de Emprego lembrou ademais que, no marco deste compromiso coa emigración, a finais deste mesmo mes ten programada unha viaxe á Arxentina e ao Uruguai para seguir potenciando os lazos coa comunidade galega no exterior.