publicidade hoxe

A Xunta avaliará a eficiencia de case 70 depuradoras de augas residuais para avanzar no obxectivo de que o 100% do seu consumo proveña de fontes renovables

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerda
A-
A+

A Xunta acaba de contratar un servizo técnico para avaliar desde o punto de vista enerxético a eficiencia e o funcionamento de case 70 depuradoras de augas residuais (EDAR) repartidas por toda Galicia e que dan servizo a unha poboación igual ou superior aos 10.000 habitantes equivalentes.

Cun orzamento de 1,2 millóns de euros e un prazo de execución de dous anos, estas auditorías serán claves para poder avanzar no obxectivo de que o 100% do consumo das instalacións analizadas proveña de fontes renovables no horizonte do ano 2045, en liña coas metas fixadas pola UE a través da Directiva de augas residuais comunitaria.

Así o explicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que visitou a EDAR de Baiona acompañada polo rexedor municipal, Jesús Vázquez Almuíña, para anunciar o último paso dado por Augas de Galicia no marco da súa estratexia co fin de acadar a neutralidade enerxética das depuradoras.

Neste sentido, indicou que estas análises serán unha “ferramenta moi útil” para reducir os consumos de enerxía e, por conseguinte, os custos de explotación destas plantas xa que, por un lado, permitirán analizar en detalle o seu funcionamento e explotación, recompilando datos para formular propostas que reduzan os seus consumos, e, por outro, axudarán a tomar decisións a futuro relativas á aplicación nas mesmas de solucións baseadas en enerxías renovables.

Con tal fin, Ángeles Vázquez asegurou que as análises deberán incluír non só parámetros relativos ao consumo enerxético das depuradoras senón tamén os indicadores que se soen utilizar de base para valorar o impacto ambiental. En concreto, referiuse á análise do ciclo de vida da propia instalación e á súa pegada de carbono, a partir do gasto enerxético ou da xestión que se fai dos residuos xerados, entre outros.

Tras subliñar que Galicia é unha comunidade “pioneira” en España ao ter impulsado a súa propia estratexia para a neutralidade enerxética das EDAR, a responsable autonómica explicou que o encargo para avaliar enerxeticamente case 70 depuradoras galegas supón tamén un paso máis por parte da Xunta para avanzar no seu obxectivo por mellorar de forma continua a xestión do ciclo integral da auga e implementar o uso das enerxías renovables neste tipo de instalacións, en liña cos obxectivos comunitarios.

Ao respecto, a conselleira salientou que o estudo destas EDAR —a maioría baixo xestión municipal— achegará datos importantes sobre o seu potencial para albergar enerxías limpas, facendo especial fincapé nas posibilidades de producir biogás tanto na propia instalación de depuración como mediante a súa interacción con outras.

Grazas a esta información, engadiu, Augas de Galicia poderá tomar decisións e adoptar as medidas oportunas coa finalidade común de acadar o maior aforro enerxético e optimizar a xestión das augas residuais mediante a aplicación de fontes renovables.

Resultados de éxito das probas piloto

Á espera de que se concreten os primeiros resultados dos estudos, Ángeles Vázquez amosouse convencida da utilidade que terán para optimizar a eficiencia enerxética das estacións de depuración de augas residuais da comunidade pola vía da redución dos consumos e da aposta por fontes propias de enerxía sostible.

Neste sentido e a modo de exemplo, referiuse ao caso da EDAR de Baiona, que no marco do proxecto Innovaugas, executado polo organismo hidráulico Augas de Galicia, foi unha das catro instalacións nas que participou nunha proba piloto para acadar depuradoras intelixentes, logrando un aforro enerxético do 30%.

Para logralo, desenvolveuse e implantouse un sistema innovador de axuda á explotación da EDAR mediante Intelixencia Artificial (IA) para o que, previamente, se dotou de sensores a cada un dos tratamentos da estación co fin de avaliar o seu funcionamento e controlar tamén a calidade da auga residual no momento da súa entrada na planta. Deste xeito, a IA é capaz de tomar decisións sobre a propia explotación que permiten garantir un consumo enerxético máis eficiente, mantendo a calidade da auga de saída.

11 de xullo de 2024 | 15:16 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario