A Xunta adxudica por 264.000 euros as obras de drenaxe transversal nas estradas PO-542 e PO-313 en Pontevedra e Marín
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de adxudicar o contrato para executar dúas obras de drenaxe transversal nas estradas PO-542 e PO-313, nos concellos de Pontevedra e de Marín.
O contrato, adxudicado a Construcciones Castro Figueiro , S.L.U., por un investimento de 264.214 euros, asinarase nos vindeiros días. Os traballos comezarán previsiblemente no próximo mes de agosto e contan cun prazo de execución de 4 meses.
Trátase de intervir no treito da PO-542 Ponte Bora-O Pino, á altura do quilómetro 0+850, no municipio de Pontevedra; e na PO-313, á altura do punto quilométrico, 5+900, no treito Pardavila-Broullón, no concello de Marín. En concreto, as actuacións que se realizarán na PO-542 baixo este contrato inclúen a limpeza e saneo da obra de drenaxe transversal existente, eliminando desprendementos e asegurando a súa estabilidade mediante reforzos, se fose necesario.
Posteriormente, executarase o reforzo interior de formigón na base da obra de drenaxe ata polo menos a metade da altura da obra de drenaxe transversal, a cal presenta danos derivados da corrosión na parte metálica lateral anexa a dita protección. Finalmente, executaranse aletas de formigón armado para as embocaduras en ambos os extremos da tubaxe.
No caso das actuación que se proxecta que se proxecta que se van a desenvolver na estrada PO-313, estas comezarán pola limpeza e saneo da obra de drenaxe transversal existente, eliminando desprendementos de material derivados da corrosión. Estes traballos céntranse, fundamentalmente, na metade inferior do tubo, asegurando a súa estabilidade mediante a realización de reforzos, se fose necesario.
Finalmente, no marco destas obras, tamén se procederá á reparación do tubo da obra de drenaxe transversal mediante encamisado interior e posterior recheo do espazo entre os tubos con inxección de formigón.