publicidade hoxe

A conexión de alta velocidade entre Galicia e Portugal demoraríase ata polo menos 2034 debido aos trámites que aínda quedan pendentes

Alfonso Rueda en rolda de prensa

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello avaliou hoxe “os prazos pendentes” na execución da conexión de alta velocidade entre Galicia e o norte de Portugal e das “infraestruturas fundamentais para esta conectividade” como é a saída sur – treito entre Vigo e O Porriño- e o tramo entre O Porriño e a fronteira portuguesa.

Canto á saída sur de Vigo, trátase dunha infraestrutura que para o Goberno galego é prioritaria tanto para o futuro do porto da cidade a través da conexión ferroviaria da terminal de Bouzas como para a conexión da alta velocidade entre Galicia e o norte de Portugal. Respecto a esta última, o Executivo autonómico pide proactividade ao Goberno central no cumprimento dos trámites e cuestiona que se estea a actuar en tempo.

Nesta liña, Rueda lembrou o “compromiso” adquirido polo Goberno portugués para ter a tempo as obras que corresponden no país veciño.

Pola súa banda, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, indicou que pese a que o Executivo estatal trasladase que “o proxecto vai en tempo”, o documento abordado hoxe detalla que, cos pasos aínda pendentes na súa tramitación, as obras non estarían rematadas, no mellor dos casos ata finais de 2034, ou incluso en 2035, polo que “sería incompatible coa promesa de que a conexión con Portugal sexa unha realidade en 2032”.

Cómpre lembrar que en decembro de 2022 se licitou o estudo informativo coa alternativa definitiva e actualmente está en execución o contrato asinado en xuño do ano pasado. Este contrato -explicou o conselleiro- debería someterse a información pública durante seis meses, polo que non sé prevé que a versión definitiva dese estudo poida estar dispoñible ata finais do primeiro trimestre de 2025.

Polo tanto, unha vez nese punto, aínda quedarían outros trámites que posporían o remate das obras ata polo menos 2034. Requírese ano e medio para a tramitación ambiental, outros tres anos para a contratación e redacción do proxecto e entre cinco e seis anos para a licitación e execución das obras. Así, segundo o cronograma previsto e, sempre que non se produzan máis retrasos, a tramitación ambiental non remataría ata setembro de 2026, polo que a contratación e redacción do proxecto se alongaría ata setembro de 2029, e a última fase no mellor dos casos finalizaría en setembro de 2034 ou ao ano seguinte.

No que se refire ao enlace entre O Porriño e a fronteira portuguesa, o conselleiro de Presidencia lembrou que non se teñen avances dos estudos desde hai anos, se ben este tramo non ten tanta complexidade técnica como a saída sur.

Ademais, lembrou que unha vez executados estes dous tramos o Goberno de España e Portugal “deben negociar a construción e financiación dunha nova ponte internacional”.

8 de xullo de 2024 | 15:12 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario