publicidade hoxe

Rueda anuncia a publicación no DOG da orde de axudas de ata 12.000 euros destinadas aos afectados por ELA

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a segunda edición da convocatoria de axudas de ata 12.000 euros destinadas aos afectados por Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA).

O titular do executivo galego, acompañado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá o domicilio dun dos doentes diagnosticados con esta enfermidade, e beneficiario da convocatoria anterior, para coñecer de primeira man as súas necesidades e as da súa familia.

Rueda chamou a atención sobre o feito de que, ademais de facer fronte á enfermidade, os doentes teñen que afrontar tamén numerosos gastos para adquirir produtos de apoio como cadeiras de rodas; adaptar o fogar ás novas necesidades con melloras, por exemplo, de accesibilidade; ou para recibir atención fisioterapéutica ou de rehabilitación: “Unhas necesidades que son crecentes e que moitas veces lévanlles a que sexan unha preocupación case tan grande como a propia enfermidade”, declarou Rueda.

De aí que a Xunta decidise poñer en marcha o ano pasado unha orde de axudas específica para os afectados, converténdose na primeira comunidade en facelo. Así, os doentes poden recibir ata 12.000 euros para poder afrontar estes gastos, “unhas axudas que só a Xunta de Galicia está concedendo en toda España”, destacou o presidente.

O ano pasado recibiron esta axuda preto de 200 persoas, que poderán volver solicitala nesta convocatoria. Ademais, e como novidade nesta edición, tamén poderán ser beneficiarios os afectados por Esclerose Lateral Primaria e Amiotrofia Espiral Progresiva.

O Goberno galego mantén así unha firme aposta por apoiar ás persoas diagnosticadas con ELA. Por iso, ademais das axudas, tamén habilitou un proceso clínico para axilizar o seu diagnóstico e atención e puxo en marcha unha vía preferente na valoración de dependencia para que accedan ao servizo no menor tempo posible: “Alégrome de que polo menos podamos contribuír a facerlle todo un pouco máis levadeiro e gustaríame que isto tamén se entenderá a outras administracións”, rematou Rueda.

25 de xuño de 2024 | 19:05 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario