O luns abre o prazo para inscribirse nos minicampamentos de verán
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia abrirá o luns o prazo de inscricións para o programa de minicampamentos Coñece Galicia, enmarcado na campaña O teu mellor verán que oferta 11.5000 prazas en actividades para a mocidade de 9 a 30 anos. Fíxoo nunha visita o hotel A Roda de Valdoviño, un dos establecementos incluídos nesta proposta.
Tal e como explicou a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en total ofértanse 700 prazas para cativada entre 9 e 14 anos, distribuídas en 14 programas e instalacións diferentes. Así, os interesados en participar deberán presentar a súa solicitude en liña a través da web de Xuventude a partir das 12,00 horas do luns, enviando o correspondente formulario electrónico no que se poderán elixir ata un máximo de tres quendas diferentes por orde de prioridade.
Neste senso, Lara Meneses recordou que esta proposta é unha iniciativa “lúdico formativa que se desenvolve en aloxamentos turísticos distribuídos por toda a xeografía galega”, o que serve, dixo, “tanto para apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte das persoas máis novas como para fomentar o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, o coidado do medio ambiente e o ocio educativo”.
As accións desenvólvense en estancias de cinco días, de luns a venres, durante os meses de xullo e agosto, cun total de 34 quendas distribuídas en 14 programas e instalacións en distintos concellos galegos. Este ano amplíase a oferta con novos programas nos municipios de Palas de Rei, Ribeira de Piquín e Tomiño.
Adxudicación de prazas
Para optar a estes minicampamentos é preciso figurar no padrón dalgún municipio galego e ter entre 9 e 14 anos cumpridos no momento da asistencia á quenda. O prazo de inscrición comezará o día 10 de xuño ás 12,00 horas e finalizará 5 días antes do inicio de cada actividade, salvo no caso de que se esgoten as prazas.
A adxudicación de prazas será por rigorosa orde de inscrición ata cubrir a totalidade da oferta e non poderán solicitar a praza as persoas que xa teñan outra confirmada en calquera das actividades propostas na Campaña de Verán. Todos os programas teñen un custo total de 125€ (con opción de descontos), incluíndo aloxamento, manutención completa, programa de actividades e equipo técnico responsable, así como o material preciso.